Manuel Alba Eirín, xerente de Horticultores do Umia Todo empezou hai uns doce anos pola xudía. Os cultivos deste producto nas terras do Salnés acadaron unha calidade que incrementou a demanda no resto de Galicia e do territorio español. Un grupo de agricultores de Vilariño decidiron xuntarse para comercializar o producto e así naceu Horticultores do Umia, unha sociedade agraria de trasformación que se formou con once socios e hoxe ten 28. A xudía segue a ser o producto protagonista, pero Hortumia comercializa todo o que produce O Salnés. O seu xerente, Manuel Alba Eirín, aínda que está satisfeito da traxectoria, lamenta que a Xunta de Galicia non protexa con máis pulo o cultivo da horta, e advirte ós agricultores que o proceso de concentración parcelaria é imprescindible para modernizarse.
23 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.SUSANA LUAÑA VILAGARCÍA Hoxe son uns 300 agricultores asociados os que venden todo tipo de productos a Horticultores do Umia, pero a firma comenzou a súa andaina polo éxito das xudías do Salnés. -¿Como naceu a empresa? -Foi hai doce anos. Daquela mandábase moita xudía a Madrid, e tamén ó norte. Iso provocou que se empezaran a formar cooperativas na zona. Un grupo de agricultores de Vilariño xuntáronse e constituise esta sociedade agraria. Empezamos con once socios, e hoxe hai 28. -¿Como é a relación cos agricultores asociados? -Eles comprométense a darnos a súa producción e nós a cambio prestamos asesoramento, semente e todo o que precisen. Agora temos uns 300 asociados, aínda que o número varía dunha campaña a outra. Cando hai crise, traballan o campo, pero logo, se lles aparece algún traballo deixan os cultivos. É normal. O mar e o campo son as actividades peor pagadas. Hai moitos gastos e son doce horas de traballo ó día. Cando están no paro cultivan a horta, para ir tirando, pero logo din que non teñen man de obra, que non hai xente para a colleita, que o fillo marchou para Canarias... A nosa porta sempre está aberta tanto para saír como para entrar. -¿Que opina das lonxas agrícolas? -Toda competencia é sana. A lonxa ten unha forma de traballar distinta da nosa. Nós temos outro sistema. Galicia ten un clima moi malo e para tres meses de traballo forte non nos compensa facer esa inversión. Ademais, os nosos asociados están afeitos a esta forma de traballar. -¿Que productos comercializan? -Todo o que produce esta terra. Agora, pementos de Padrón, xudías, tomate, leituga, repolo. Logo no inverno puerros, acelgas, espicana... Tamén cebola ou pataca. Vendemos a grandes superficies e tamén a clientes máis pequenos, e levamos mercancía ó resto de España, á zona norte e ó centro, tamén ó Mediterráneo. -¿Están satisfeitos do resultado? -Si, aínda que hai moita competencia desleal e poucas axudas. A Xunta protexe moito o marisqueo, pero non apoia a horta. Aquí chega todo o ano pemento que din que é de Padrón e ven de Portugal, de Andalucía e ata de Marrocos. No País Vasco defenden os seus pementos, pero aquí non. -¿Que perspectivas hai de futuro? -A horta sempre ten futuro, pero hai que mellorala. Aquí en Vilariño están coa parcelaria, que é algo imprescindible para modernizarse. Agora todo está mecanizado, pero nunha finca de 600 metros cadrados non podes meter maquinaria. O futuro é ese, a concentración, e que o agricultor se adique só a iso, que se especialice e deixe a economía de subsistencia.