Faíscas dunha tradición centenaria

La Voz

AROUSA

CHICHO BERRIDE BOTES DE REMO O porto de Carril reencóntrase esta tarde coa regata en honor a San Fidel No Carril, por San Fidel, hai xa más de cen anos disputábanse as célebres regatas de botes, de catro a seis remeiros con timonel, maila case sempre polémica competición de mulleres. Esta tarde, ás seis, a tradición volta cobrar forma no peirao carrilexo. Ó longo deste tempo, son moitos os nomes e alcumes que gañaron o seu lugar na memoria do pobo: Tuchiño «O Chepiña» _coa súa famosa arenga á tripulación «plato, bisté; plato, bisté»_, José «O Marabillas» e o tío Camilo, «O Canabal», son algúns deles.

29 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Falar de San Fidel neste século é falar duns tempos de depresión económica, alá polos anos cuarenta e sesenta. Cómpre destacar o aspecto lúdico que aínda aniña nestas regatas, non exentas dunha diáfana carga competitiva, síntese da estratexia individual, o patrón, e do traballo do grupo que manexa a súa principal ferramenta: os botes e os remos. Quen de vós, mariñeiros de toda a vida, non lembra a avezados patróns como Tuchiño O Chepiña. Famosa é a súa arenga á tripulación, case sempre gañadora: «Plato-bisté, plato-bisté». Eran tempos duros, e de cote os seus remeiros esforzábanse ata a extenuación para gañar os dez pesos. Viñan ó San Fidel botes e tripulacións de Rianxo (coa Manuela), de Vilaboa (o Ardilla), de Vilaxoán (o Chato) e de Cabo de Cruz. Tripulábanse o Andrés e o Halcón, dos Bichos; o Julián, dos irmáns Iglesias; o Traga-lorchas, do señor Román O Lucas, e outros. Que dicir do señor José O Marabillas, avezado patrón e coñecedor de correntes, valos e mareas que, co seu bote o Andrés, deu tardes de gloria á súa tripulación. Ou do tío Camilo O Canabal, arcaico patrón sabedor de múltiples tretas. Dos botes dos Nachos, O Con ou o Emeu; dos Pizarrillos, coa súa xoia O flor; ou do señor Búa O Gabarrero. Co estoupido do primeiro foguete saían como centellas os botes, soaban as gaitas, os peiraos ateigados de xente. Dende as árbores da alameda apostábase xa na primeira virada. Tocaba a banda algueiradas galegas, ruxía o xentío e, ó final, gloria, só gloria, para os vencedores, que recollían o seu triunfo no palco do xurado, españolamente decorado. Despois, o xantar. As tripulacións mataban a fame para disfrutar logo da verbena.