Manoel Antonio no mar de Vilagarcía

La Voz

AROUSA

O autor de «De catro a catro» mantivo unhas intensas relacións coa capital arousán Iste rapaz, na súa curta vida -menos de trinta anos-, chegou a ser un dos poetas máis señeiros da literatura galega. Os seus libros Foulas, Con anacos do meu interior, De catro a catro, Sempre e máis dispois e Viladomar, así como perto de cincoenta poemas soltos editados en diversas pubricacións (A Nosa Terra, Redención, Galicia, etc.) acadaron un lugar sobranceiro nas nosas letras.

15 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Naqueles tempos, primeiro tercio do século XX, Vilagarcía era o centro neurálxico _social, económico, cultural, mercantil, de comunicación, administrativo, etc...._ de toda a comarca arousana, de banda a banda da ría. Por iso que na súa curta andaina vital temos de topar, por obriga, un forte vencello do poeta rianxeiro ca cidade vilagarciana. Neste centenario coidamos que é mester o reseñar un feixe de feitos que nos amosa de xeito indubitable a relación de Manoel Antonio con Vilagarcía. Esa relación epistolar entre Manoel Antonio e Roxerius vese acompañada de numerosas visitas do poeta a Vilagarcía para compartir co seu curmán e corresponsal, normalmente ó redor dunhas cuncas de viño en coñecidas tabernas da época como a denominada «A Pureza», as súas fervorosas e múltiples inquedanzas. Boa mostra destas últimas foi o seu anterior intento de ámbolos dous curmáns de alistarse na Lexión Extranxeira do Exército francés, máis o Vicecónsul francés na Coruña non cursa a autorización, feito que non arreda ó noso poeta quen, aproveitando uns cartos que lle deran para o pago da súa pensión en Santiago, fuxe só e chega até Irún, onde é detido pola Garda Civil, que o retivo durante seis días no cárcere até que o devolven para a súa casa en Rianxo, como ben nos mostra o seguinte telegrama: «Sargento Seguridad. Don Tomás Sánchez. De San Sebastián para Vilagarcía. Salió hoy para esa, exprés cuatro tarde. Sargento Seguridad». É así que o noso poeta chega á vella estación de Carril custodiado pola Garda Civil logo da súa frustrada aventura militar. Temos coñecemento de outras fondas relacións de Manoel Antonio con vilagarciáns ou residentes na nosa cidade, durante os seus moitos viaxes a Vilagarcía, tales como Núñez Búa, escritor galeguista e director do Colexio León XIII, Fermín Bouza Brey, o seu compañeiro en grupos vangardistas poéticos, e Francisco Porto Rey e Ramón Cabanillas a quenes vía con frecuencia nos talleres de «Galicia Nueva». Nese ano de 1919 o seu curmán Roxerius aconsella a Manoel Antonio o facer a carreira de Náutica na Escuela Oficial de Vigo, onde se matricula por libre no curso 1919-20; e como era perciso o coñecemento do idioma inglés o noso poeta, un día si e outro non, embarcaba en Rianxo, na motora de Carqueixa, para Vilagarcía, onde recibía clases de lingua inglesa dunha profesora desa nacionalidade afincada na nosa cidade no barrio da Prosperidad. (Sin sabelo de certo, por non o ter aínda confirmado, poderiamos supor que sería algunha dama da familia do Cónsul inglés, Mr. Cameron Walker, que tiña a súa residencia no devandito barrio). En 1922 Manoel Antonio faise corresponsal en Rianxo da librería de don Xoan Buceta de Vilagarcía para vender os seus libros, traballo que comeza co poemario Abrente de Victoriano Taibo. Rematada a súa carreira de Náutica no ano 1923 principiou as súas prácticas de navegación no pailebote «Constantino Candeira», comandado polo capitán don Augusto Lustres Rivas, irmán do gran xornalista barbanzán. Nesa navegación escribe o seu senlleiro poemario De catro a catro. Mais rematadas as súas prácticas de navegación a vela no «Constantino Candeira» precisaba embarcarse nun buque a vapor polo que recurre ó avogado i escritor vilagarcián don Eduardo García Reboredo, da firma consignataria «Luis García Reboredo Isla e hijos» quen lle consigue o seu enrolamento no trasatlántico «Gelria» da «Compañía Hamburguesa» no cal fai as travesías de Vigo a Lisboa, Las Palmas, Pernambuco, Río de Xaneiro, Santos, Montevideo e Buenos Aires, e logo cas mismas estadas de volta a Vigo. Logo de ano e medio remata o seu contrato o día catro de maio. Pola mediación de don Eduardo García Reboredo embarca novamente, esta vez no paqueiro «Arosa», ó mando de don Xoaquín Tello, o día 3 de xuño de 1929 en Cádiz, de onde parte con rumbo ós caladeiros de Saffi Norte, Cabo Sim e Morgador. Logo de varias travesías remata a súa navegación en Cádiz o 18 de outubro de 1929, día que torna para Rianxo, onde vai finar o día 28 de xaneiro de 1930 ás tres do serán. Mais non acabaría eiquí a relación do gran poeta rianxeiro con Vilagarcía. Ó pouco da súa morte un fato de persoeiros vilagarciáns acordaron o promover unha suscripción popular para erixir un monumento na Illa grande de Malveira, o que encabezado polo ex-alcalde e deputado Elpidio Villaverde Rey fixeron público no xornal Galicia Nueva.