Estamos fartos!

Bernardo Fraga Galdo (arquitecto técnico e hostaleiro)

VIVEIRO

PEPA LOSADA

28 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Páxina web do Sergas tralo anuncio de que Viveiro pasará a grado alto de restricións debido ao incremento de casos: hoxe parece ser que 35. Busco as condicións establecidas polas autoridades para o nivel alto, e atópome con que supón, segundo o seu criterio, unha incidencia a 14 días de entre 250-500 casos por 100.000 habitantes. As informacións que nos chegan son de 34 casos activos. En Viveiro somos 15.391 habitantes segundo o censo a 1 de xaneiro (por certo, perdemos poboación de xeito constante, imos mal); fago o cálculo, incidencia 220,90 casos, non chegamos ao establecido. Dito isto chego a dúas conclusións: ou o Sergas non dá os datos certos, ou toman a decisión fácil. En Viveiro temos 119 locais de hostalería, pensións, hoteis, cámpings, apartamentos turísticos, empresas de ocio e aventura... Centos de persoas viven do sector; ducias de negocios volven a ingresos cero; centos de traballadores aos Ertes; e todo sen chegar ás propias esixencias do goberno galego para o peche, ou xustiños. Levamos 5 peches, algúns negocios ata 6 ou 7; perdas cuantiosas; postos de traballo; golpes á imaxe turística; E todo isto sen constancia de que nin un solo dos brotes no Concello se producise nun local de hostalería. Conclusións: Que fácil é tomar unha decisión cando non vai ao bolsillo; Que fácil é e deixar a centos de familias en incertidume, sen saber cando rematará esta agonía!; Que fácil é optar pola opción máis restritiva cando o xuízo dos que deciden é inapelable. Eles e elas, os que toman as decisións, cobrarán as nóminas o día 30, mentres a hostalería e sector turístico seguirémonos erguendo día a día para levantar este puto país, sacar as nosas familias adiante, e por riba, pagarlle a esta tropa os seus salarios. Pd. Por favor, cumpride as normas, a ver se todo isto remata pronto.