«Antes que Internet, é mellor preguntar, comparar e poder mercarlle ao veciño»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

PEPA LOSADA

O CCHV xa ten en marcha o servizo para atopar produtos dentro do comercio local e de envío a domicilio

27 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Comercial Histórico de Viveiro, con Isabel Méndez como xerente dende hai case oito anos, acaba de dar a coñecer un servizo moi útil para os clientes dos establecementos asociados que facilita vía email, telefónica ou mediante WhatsApp a búsqueda de determinados produtos dentro do comercio local.

-Como está a ser a resposta?

-O servizo está empezando a funcionar. Xusto agora, vía email, que estaba falando contigo, estame a preguntar unha persoa onde poden mercar viño verde portugués aquí en Viveiro.

-Vese que esperta interese.

-Si. E realmente, é moi fácil. Moitas veces estás buscando algo pero non sabes onde mercalo. Qué fácil é ter unha referencia de teléfono, WhatsApp ou enviando un correo electrónico, como o que me acaba de chegar agora, ou a través da nosa páxina web na sección «Contáctanos», tamén polas nosas redes sociais, por exemplo Facebook, Instagram ou Twitter. Manda unha mensaxe e contestamos. O tema é facilitar o máximo posible as compras no comercio local.

-E ir cos novos tempos, de paso.

-Dende hai tempo xa intentamos dar un servizo adicional aos clientes para que merquen no mercado local. Son prestacións complementarias á hora de facer as compras aquí. Toca estar ao día en todo, non só nisto. Automaticamente tes que discorrer o máximo posible para que a xente veña mercar aquí e iso pasa por actualizarse, modernizarse e dar as prestacións e as facilidades posibles ao cliente.

-Inclúen un servizo a domicilio.

-Dende hai moito tempo temos convenio cunha empresa de transporte para xestionar o transporte entre todos, para o colectivo, non para un negocio en particular. Automaticamente, os propios asociados poden ofrecelo ao cliente nese momento. Unha vez chega o produto que pediron, se non poden ir buscalo, lévancho á casa. Ou no caso dunha prenda que tes que deixar a arranxar... Tamén ao comercio de Viveiro vén moita xente de Ortegal e resto da Mariña.

-Funcionan ben eses servizos que ofertan e ampliaron?

-Ata o de agora, a experiencia que temos nestes servizos engadidos, para complementar a compra, é que sempre funcionan moi ben. Xente que sabe do noso funcionamento sabe que somos unha entidade que non damos só servizo a comercios senón tamén a clientes. En pequenos círculos xa nos preguntaban. Agora queremos facelo extensible para que todo o mundo poda chamar e preguntar por un produto. Hai xente que automaticamente pensa que iso non o hai aquí e mércao por internet. Nós propoñemos que pregunte primeiro aquí. Ou hai quen pensa que aquí é máis caro que por Internet. É mellor primeiro preguntar, comparar e, se podes, mercarlle ao teu veciño. Efectúa a compra en Viveiro. Xa está instalada na mente do consumidor de que mercar por Internet é máis barato. Queremos desmontar ese mito.