«Son un bo exemplo a seguir e un orgullo para nós e para as súas familias», di a directora do instituto
29 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Oito alumnos e alumnas do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, participaron o pasado 23 de xullo no «Acto de recoñecemento ao mellor alumnado de centros de ensino medio de Galicia» organizado pola Universidade de Santiago de Compostela. Trátase de homenaxear a todos os estudantes que acadan resultados sobresaíntes na ABAU, cunha media de 9 entre o bacharelato e a fase xeral da proba. Despois, sumándolle a parte voluntaria obtense a nota final de admisión á universidade e o alumnado do centro ribadense acadou resultados excelentes: Amaia López Vivas (13,73); Estela Bravo Montero (13,50); Xiana Suárez García (13,44); Guillermo Rodríguez Rubiños (13,42); Alicia Asensio Bande (13,41); Eva Luyufeng Yáñez Izquierdo (13,27); César Franco Grandío (12,81) e Diego Alonso Lustres (12,00).
O acto foi presidido polo Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, tivo lugar no Salón Nobre de Fonseca da USC e como debido ás circunstancias só puideron estar presentes 20 alumnos e alumnas, dos restantes proxectouse unha fotografía e foron nomeados e invitados a participar telematicamente.
Toda a Comunidade Educativa do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, encabezada pola súa directora María Jesús Besteiro Cabanas, quere darlles os alumnos os parabéns polo esforzo realizado e os excelentes resultados que acadaron. «Son un bo exemplo a seguir e un orgullo para nós e para as súas familias», sinalou María Jesús Besteiro.