«Moi pouca xente toma a mal a orde de cortar os eucaliptos preto das casas»

José Francisco Alonso Quelle
J. ALONSO RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

JOSÉ ALONSO

O Concello de Ribadeo xa mandou centos de cartas e cada día acoden veciños a consultar que poden plantar

14 mar 2018 . Actualizado a las 13:21 h.

Fai unhas semanas o Concello de Ribadeo empezou a enviar centos de cartas aos propietarios das case setecentas parcelas detectadas que incumprían a lei de prevención dei incendios de Galicia, ordenándolles, entre outras cuestións, cortar as especies forestais non permitidas a 50 metros das edificacións: eucaliptos, pinos, acacias e mimosas. Dende entón, practicamente a diario en momentos puntuais fórmanse colas de veciños que acoden ás oficinas do técnico municipal de Medio Ambiente, Jaime Pérez Fernández, para informarse do alcance da orde. «O habitual é que moi pouca xente o tome a mal. Non deixa de ser lóxico, porque isto faise para protexer ás casas e á xente dos lumes».

?Entón, porque non o fan os outros Concellos?

?Esa é unha boa pregunta (rise), pero non é para min. A verdade é que é moi complicado. Eu levo cinco meses con isto, e aforreime o traballo de campo porque contei coa axuda de Pedro, axente forestal da Xunta. Iso si, moitos concellos preguntaron como fixemos, pero non sei se se tratou de unha simple consulta ou teñen vontade de facer algo similar a Ribadeo. Penso que hai xente á que a orde vaille sentar mal, pero haberá moita que o vexa ben, porque ter un eucaliptal enriba da casa non creo que lle guste a naide... Non vexo malestar, a xente ven a informarse do que ten que corta, do que pode plantar e dos prazos que ten.

?Veñen moitos veciños?

?Si. Está tendo unha grande repercusión, e fórmanse colas. Aínda hoxe, porque seguimos mandando cartas. Pera determinar os propietarios guiámonos polo catastro e cruzamos os datos co padrón. Pero aínda así, ás veces son datos incompletos, e non chegamos a todo o mundo. Temos identificados a 563 propietarios das case setecentas parcelas, e mandáronse a unha porcentaxe moi alta, a centos. Pero hai 22 fincas a nome do Concello, o que é un erro do catastro; hai varias masas comúns; sete parcelas en investigación... Seguimos indagando, e ao final o que faremos será publicar un anuncio no Doga e no BOE coas fincas ás que non demos localizado o dono, para seguir o trámite.

?Hai quen di que hai erros, que se están mandando facer cortas onde non hai especies forestais prohibidas.

?Como en calquera traballo deste tipo pode haber erros. E os hai, pero son moi puntuais, escasísimos. O que ocorre é que non sei ata que punto a xente sabe as obrigas que di a lei. A lei di que hai unha franxa de 50 metros de protección na que non pode haber eucalipto, acacia, pino nin mimosa. A xente quédase con iso, pero hai máis. A lei tamén di que ten que estar desbrozado, e que as especies forestais que se poden plantar (alisios, arces, carballos, olmos...) teñen que estar a quince metros das casas, separadas sete metros cada planta e podadas, sen que haxa continuidade entre estas árbores. Os froiteiros si están permitidos.

?Cal é a queixa máis habitual?

?Polos núcleos de solo que non están edificados. Os 50 metros mídense dende o límite do solo, non dende a edificación. A xente non entende que nunha pradería na que ao mellor non hai edificacións tamén haxa que cortar, pero é o que di a lei se o solo está catalogado como núcleo.

?Xa está habendo cortas?

?Si, xa houbo moitas.