Dino Pacio, o profesor que soñaba

Manuel Rivas García TRIBUNA

MONDOÑEDO

12 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Corrían os anos sesenta do pasado século cando quen escribe e os seus compañeiros cursaban estudos de Filosofía en Mondoñedo. Nese centro —por certo o único centro de estudos superiores no Norte da provincia de Lugo—, as augas corrían tranquilas ata que o papa Xoán XXIII, xa ancián e considerado de transición, decide convocar un concilio. Trata de levar acabo o aggiornamento da Igrexa. A partir de aí as augas empezan a baixar revoltas. Vaise vendo cada vez máis a necesidade de abandonar o pensamento escolástico por anticuado e os seus métodos e substituílo polo

pensamento moderno con outros textos e métodos menos memorísticos e máis comprensivos. Hai de feito unha folga —cousa inaudita nun Seminario— contra un profesor na que chega a intervir o mesmo bispo Argaya. E nesta acción prodúcese iso que R. Merton chama función manifesta: conseguir claridade explicativa e uso do castelá na clase, fronte ao latín. Pero tamén se dá aquí unha función latente: a forte cohesión que adquire o grupo e que posteriormente lle vai servir a Dino Pacio para pedir un maior esforzo e traballo en grupo de forma responsable.

Aí estivo a base do labor extra que supuxo a posterior preparación paralela de oitavo e as probas de Preuniversitario, que remataron con moito éxito, grazas a el e ao grupo de profesores que fixeron moitas horas extra e puxeron do seu peto diñeiro desinteresadamente para axudarnos no proceso de convalidación. Foi un favor impagable.

Foi precisamente en oitavo cando tivemos con el Ética e Socioloxía. Conservo os apuntes desta última, e cando os leo, parece que aínda resoa a súa voz apaixonada explicando as teorías de Comte, H. Spencer, Durkheim, Max Weber ou dos sociólogos americanos e comparando o atraso da sociedade española e galega coas sociedades avanzadas europeas. Era unha persoa moi inqueda, sempre pegado a un libro e que tiña a rara arte de atinar a engaiolar a uns mozos que andaban ca cabeza noutras cousas e contaxiarlles xa entón a paixón por ler e saber.

Claro que cando no noso caletre despuntaban os soños da rebeldía e asomaban as ideas de revolución, el xa nos dicía que primeiramente era preciso facer a revolución contra si mesmo, ser exemplar. El era un soñador. Dise que quen non soña, non ten vida. O soñar obriga a traballar por logralo. Dino tiña fe nos alumnos e sinalaba de forma realista o camiño a seguir. O resto xa era cousa da cada un.