A cita musical dará comezo ás 20.00 horas na carpa da Praza da Mariña
03 dic 2025 . Actualizado a las 10:14 h.O venres 5 de decembro de 2025, ás 20.00 horas, na carpa da Praza da Mariña de Burela, celebrarase unha nova edición do Cova Rock. O concerto estará protagonizado polo grupo Can Rock, recoñecido polas súas galecovers, versións en galego de grandes temas musicais. A cita está organizada pola Asociación Musical Cova do Can e conta coa promoción do Concello de Burela e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Durante o espectáculo, Can Rock contará con artistas locais como convidados especiais, que subirán ao escenario para interpretar varios temas. Entre eles destacan, ACM Arume, Andrelo (do grupo Los Pontiaks) e Fer, o gaiteiro. A organización adianta, ademais, que haberá algunha sorpresa máis ao longo da noite.
A entrada será libre, e o público poderá desfrutar de servizo de bar e merchandising. O Club Fotográfico IMAXE de Burela colaborará documentando o encontro.