María Loureiro trata coa presidenta da Deputación axudas para a Semana Santa e o Resurrection Fest en Viveiro
A MARIÑA
Son os dous grandes eventos cada ano na cidade do Landro e reciben importantes subvencións
21 mar 2026 . Actualizado a las 22:25 h.María Loureiro García, presidenta do PSOE de Viveiro e asesora da Deputación de Lugo, mantivo unha reunión de traballo coa presidenta da Deputación Provincial de Lugo, Carmela López, na que se trataron diferentes cuestións relevantes para o municipio de Viveiro, entre elas axudas para a Semana Santa Internacional de Viveiro e para o Resurrection Fest, os dous grandes eventos do ano en Viveiro.
Durante o encontro, abordáronse liñas de colaboración e proxectos que a Deputación de Lugo continúa mantendo co Concello, «independentemente da cor política do goberno municipal». Entre eles, destacan achegas como a subvención nominativa de 35.000 euros destinada á carpa da Semana Santa —na que se alberga a antesala do museo— ou o apoio ao Resurrección Fest, cunha achega de 150.000 euros a un evento internacional consolidado en Viveiro desde hai máis de 20 anos.
María Loureiro puxo en valor o papel da Deputación como institución que segue apoiando aos concellos «sen atender a criterios partidistas, garantindo a continuidade de proxectos importantes para a veciñanza. Neste sentido, quero destacar tamén que a Deputación de Lugo leva mantendo unha actitude de colaboración permanente co Concello de Viveiro, recibindo á actual alcaldesa e ao equipo de goberno en varias ocasións ao longo deste primeiro ano de mandato».
«Fronte a esta actitude -sinalou María Loureiro- hai que ver o contraste coa Xunta de Galicia, que mantén un desprezo continuado cara Viveiro, sobre todo mentres nós gobernamos, sen atender nin dar resposta ás necesidades do municipio e bloqueando durante anos tramitacións e investimentos fundamentais».
A reunión permitiu seguir avanzando no seguimento de proxectos e cuestións de interese para Viveiro, «co obxectivo de que o municipio continúe recibindo o apoio necesario para o seu desenvolvemento».