Piden recuperar o GES de Emerxencias para 30.000 veciños da Mariña Central

La Voz

A MARIÑA

Representantes do BNG da Mariña e do GES de Cervo
Representantes do BNG da Mariña e do GES de Cervo

O BNG levará aos plenos de Cervo, Burela, Foz, Xove, O Valadouro e Alfoz a demanda da apertura do GES de Cervo que cubriría tamén as emerxencias nestes concellos

14 mar 2026 . Actualizado a las 09:55 h.

O pasado 24 de febreiro a Deputación Provincial en pleno aprobou por unanimidade e a instancias do BNG e de traballadores do GES unha proposta para abordar a situación do Grupo de Emerxencias Municipais (GES) de Cervo que se atopa pechado.

Hai que lembrar que o goberno de Cervo decidiu suspender este servizo tempo atrás. Nesa proposta unánime dos grupos políticos da Deputación acordaron instar á Xunta, ás Deputacións provinciais e á Fegamp a convocar con carácter urxente a Comisión de Seguimento do Convenio dos GES para tratar de xeito específico o peche do GES de Cervo, definindo as medidas necesarias para proceder á súa reapertura e garantir a cobertura efectiva da comarca da Mariña nos concellos de Alfoz, O Valadouro, Xove, Burela, Foz e Cervo, que suman 30.000 habitantes.

Agora o BNG da Mariña urxe á Comisión de Seguimento dos GES a que se reúna coa máxima celeridade. «Como desde o 24 de febreiro en que se adoptou este acordo, esa Comisión de Seguimento aínda non se reuniu, os concelleiros do BNG destes concellos levarán aos respectivos plenos esa mesma moción aprobada na Deputación para que coa maior celeridade posible se reúna a Comisión de Seguimento e se dea unha solución ao GES de Cervo», explican representantes do BNG en rolda de prensa.

Asistiron tamén traballadores de emerxencias. Os concelleiros nacionalistas fixeron fincapé na necesidade de recuperar este importante servizo para a comarca.

«Esta situación de peche indefinido do GES de Cervo é moi preocupante xa que está privando dun servizo importantísimo en materia de seguridade aos concellos de Cervo, Xove, O Valadouro, Alfoz, Foz e Burela, que suman máis de 30.000 habitantes, a maioría deles cunha importante actividade económica, pesqueira e industrial e outros máis rurais con poboación máis dispersa, polo que é urxente recuperar este servizo para a comarca», manifestou Daniel García, deputado provincial que xa defendeu esta mesma moción no pleno da Deputación.

David Villares, concelleiro en Cervo referiuse tamén á situación que están a vivir os traballadores e traballadoras do GES: «É necesaria a reapertura inmediata do servizo de emerxencias e nas debidas condicións para os traballadores, para poder dar un servizo eficaz ao noso concello e aos concellos da zona».