Renata Otero, autora de «Más barro y menos drama»: «O modelado de barro pode axudar a atopar respostas sobre un mesmo»
A MARIÑA
A artista e experta en arterapia presenta este venres o seu libro en RegalXunqueira
13 mar 2026 . Actualizado a las 10:50 h.Renata Otero, artista orixinaria da Mariña lucense, presenta en Viveiro (RegalXunqueira, 20.30) este venres 13 o seu libro «Más barro y menos drama» que con ese título pode, quizás, evocarnos a frase que fixo famosa un dos Premios Princesa de Asturias 2025, Byung Chul-Han, reivindicando o ocio, a comunidade, o placer, o descanso. Todas elas píldoras anti-estrés igual que o feito simple de respirar con conciencia. Vai de conexión cun mesmo e de desenrolo personal a última publicación de Otero, artista, docente de arte e experta en arteterapia que ten explorado variopintas formas de autocrecemento: «No libro falo da arteterapia, aínda que nos meus talleres e sesións individuais combino modelado de barro, pero tamén nocións de coaching, meditación, mindfulness, risoterapia, ioga da risa, teatro improvisado, debuxo, escritura automática... Toco moitos paus». En varias culturas asóciase á orixe humana porque hai un nexo moi profundo entre este elemento e as persoas: «Tocar terra fainos ben. Conecta co noso instinto. Igual que o feito de amasar, tanto o barro coma o o pan, conéctanos con que nada permanece e todo se transforma. Podemos xenerar cambios e deixamos pegada».
—O modelado está ligado a nós xa dende a Prehistoria.
—As representacións de animais modelados en arxila máis antigas calcúlase que se crearon antes da Idade de Xeo, entre 37.000 e o 12.000 a.C. Mentres que os primeiros recipientes de barro que se empregaban para gardar alimentos xurdiron como consecuencia do desenrolo da agricultura e datan entre o 10.000 e o 8.000 a.C.. Así que os humanos, moito antes de atoparlle un uso utilitario á arxila, atopáronlle unha función simbólica. Hoxe, o modelado de barro ben dirixido pode axudar ás persoas a atopar respostas.
—E expresar, por exemplo, ira ou enfado cando a peza non sae como un quere?
—O feito de que sexa algo tan dúctil e manexable ao manipulalo, se estás concentrado no proceso, tamén vale para contactar coa túa flexibilidade, coa túa capacidade para retorcerte, para reconstruirte... Non é importante o resultado. No libro falo da diferenza entre arteterapia e cerámica. Na cerámica o obxectivo é facer unha peza determinada, ben feita, ben cocida, ben esmaltada. En arteterapia podes acabar a sesión e non ter nada, só trociños, lama... É máis importante ser espectador dun mesmo durante o proceso. A idea é, coas pautas adecuadas, ir observando o que move, recordos, sensacións, emocións. Hai momentos co barro que te levan a chorar ou a querer rompelo, outros son moi doces. De feito, hai moitas investigacións clínicas que proban que funciona ben en persoas con estrés post-traumático de guerra ou que foron violadas porque hai xente que pasou por iso que non é capaz de verbalizar, incluso a veces nin é capaz de recordar(...) En resumo, modelando e observando o proceso aparece moita información que pode ser sanadora porque o tacto é un sentido que aparece no ser humano anterior á palabra ou ao razonamento.
«Modelando e observando o proceso aparece moita información que pode ser sanadora porque o tacto é un sentido que aparece no ser humano anterior á palabra ou ao razonamento»
—Como empezou a centrarse na terapia con barro específicamente?
—Son filla de ceramista, pero a min non me gustaba nada esta disciplina. No 2011 fixen unha formación de nove meses de arteterapia con Charlotte Mouli, e un dos bloques deste curso era para aprender o valor terapéutico do traballo coa arxila. Chamoume a atención como entramos a traballar co barro e como nos trae información tan profunda. No 2023 fixen un master sobre arteterapia e terapias creativas e ampliei nada máis o que sabía.