A escritora Abril Camino presentará «Mulleres que viven xuntas», Premio Xerais 2025, na Biblioteca de Viveiro o 27 de febreiro
A MARIÑA
A cita será aberta ó público e dará comezo ás 19.00 horas
18 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A escritora Abril Camino (Lugo, 1980), gañadora do Premio Xerais 2025, estará o próximo 27 de febreiro, que é venres, na Biblioteca Municipal de Viveiro para presentar o seu último libro, que leva por título Mulleres que viven xuntas. A cita será aberta ó público e dará comezo ás 19.00 horas na sala multiusos do centro cultural.
A continuación, sinopse da obra: «En 1955, despois da morte de seu pai, Isabel, que aínda non fixo os dez anos, vese na obriga de marchar para Londres, onde será acollida polos tíos. Cando en 1968 regresa á súa aldea, preto de Compostela, coñece a Chus, unha mestra que coidou da súa nai mentres ela non estaba e con quen vai iniciar unha relación de amor que durará toda a vida. O medo ao que dirán e a manifestar a súa situación sentimental durante a represión franquista, provoca que manteñan un segredo que lles afectará profundamente. Cun estilo sobrio e cunha magnífica construción das personaxes, que van medrando a través da intercalación de distintos tempos e voces narrativas, «Mulleres que viven xuntas» interpela as lectoras e lectores para reflexionar sobre as dificultades e repercusións que a orientación sexual pode supoñer para algunhas persoas. Unha obra conmovedora tecida cos fíos de cores do amor e da paixón, mais tamén con moitas puntadas escuras de frustración».