Xerais entrega os seus galardóns no Museo do Mar de Vigo

La Voz VIGO

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

As premiadas este ano foron Andrea Maceiras, Abril Camino e Érica Esmorís

11 oct 2025 . Actualizado a las 16:50 h.

Andrea Maceiras, Abril Camino e Érica Esmorís, gañadoras dos tres premios convocados por Edición Xerais este ano, recolleron os seus galardóns nunha cerimonia que se desenvolveu no Museo do Mar en Vigo. Xerais celebrou a súa festa anual para recoñecer as obras O corvo sobre a neve, de Andrea Maceiras, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil; Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino, Premio Xerais de Novela; e Erin e o lobo, de Érica Esmorís, Premio Merlín de Literatura Infantil, que xa foron anunciados estes premios hai uns meses.

A xornalista Susana Pedreira foi a encargada de presentar o acto, que inaugurou o director de Xerais, Fran Alonso. Nesta ocasión, a literatura infantil foi a protagonista da festa, xa que o Premio Merlín acada con esta a súa corenta edición. «Dende 1986, o Premio Merlín filtrouse, coma ese sol discreto que racha a néboa, nos soños dun país capaz de erguer unha cultura de seu, imaxinativa e poderosa, crucial na construción dunha sociedade lectora», explicaba o director da editorial no seu discurso.

Do mesmo xeito, durante a  súa intervención, Fran Alonso fixo referencia ao xenocidio en Gaza e á necesidade de falar de xustiza e de conciencia para vivir en democracia. Tamén falou da necesidade de conciencia e compromiso para poñer en marcha medidas de apoio ao libro en galego, que a día de hoxe representa só o 8 % das vendas nas librarías. Neste sentido, explicou que a colaboración coas librarías é crucial.

Andrea Maceiras non puido acudir á gala por motivos de forza maior, mais a súa amiga e compañeira Érica Esmorís, recolleu no seu nome o XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil pola novela O corvo sobre a neve.

Pola súa banda, Abril Camino recolleu o XLII Premio Xerais de Novela pola obra Mulleres que viven xuntas. A autora, que ata o de agora publicou en castelán, volve á súa lingua con esta novela nun momento en que, segundo ela mesma explicou, supuxo un punto de inflexión na súa carreira. «Non había un xeito mellor de volver atoparme a min mesma que rodearme daquilo que é tan meu como Galicia e a súa lingua», explicou Abril Camino. Engadiu que «esta novela e este premio son a mellor resistencia fronte a esa hostilidade».

A gañadora do XL Premio Merlín de Literatura Infantil, Érica Esmorís, recolleu o seu galardón en terceiro lugar. Con Erin e o lobo acada o seu segundo Premio Merlín dez anos despois da primeira ocasión. «O Merlín de 2015, con Nena e o mar, levoume a moitos sitios, á Feira de Frankfurt, á de Guadalajara e tamén a Turquía. E precisamente en Turquía, entre as ruínas licias e o máis absoluto silencio, prendeuse unha chispa que se converteu en nena, a miña filla, e despois neste libro polo cal recollo o premio Merlín dez anos despois», explicou a autora. 

As literatura oral das cantareiras, recoñecida este ano no Día das Letras Galegas, tivo tamén espazo na festa anual de Xerais, coa interpretación de dúas pezas por parte das pandeireteiras de Adonairare. Deste xeito, a Muiñeira de Verdillo e o Pateado de Trasmonte puxeron fin ao acto de entrega dos premios.