Barreiros pide que se aplique co parque eólico Mondigo «o modelo Muras», onde os veciños reciben a luz gratuíta
A MARIÑA
Ana Ermida presentará a súa proposta este venres na reunión coa empresa, RDG
16 feb 2026 . Actualizado a las 17:59 h.A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, adiantou este luns que o vindeiro venres, na reunión convocada pola empresa titular do parque eólico Mondigo, Recursos de Galicia, solicitará que o municipio poida recibir as mesmas axudas que se acordaron en Muras con Iberdrola. En Muras os veciños reciben luz gratuíta.
Nese sentido, a rexedora barreirense defenderá «que se dote ao municipio dunha cantidade de diñeiro suficiente para abrir unha partida de axudas para bonificar as facturas da luz de todos os habitantes empadronados no municipio, así como unha porcentaxe non inferior ao 2,5% da producción do parque para destinalo a actividade sociais».
Ana Ermida sinalou que «ese acordo, modelo do que debe supor a explotación dos recursos galegos, deuse entre un Concello e unha empresa puramente privada (referíndose ao de Muras), co cal neste caso, no que a propia empresa está participada por capital público da Xunta, o acordo debera resultar máis sinxelo».
«Deste xeito, a explotación dos recursos naturais do municipio beneficiaría a toda a poboación, o que sería moito máis xusto, tendo en conta que os custos tamén son asumidos pola colectividade. Do contrario, o que se está a aplicar é un criterio de premio/castigo a quen soporta a explotación dos recursos nunha distancia menor ou maior dos seus fogares, fomentando o individualismo e a falta de conciencia colectiva», conclúe Ana Ermida.