Barreiros compra material ortopédico para prestar aos veciños que o necesiten: camas articuladas, sillas adaptadas para baño, andadores e máis

La Voz

A MARIÑA

Pódense solicitar no departamento de Servizos Sociais do concello

30 dic 2025 . Actualizado a las 19:27 h.

O Concello de Barreiros vén de recibir nestes días novo material destinado ao préstamo para a veciñanza que o precise para a atención de persoas nos seus domicilios. A alcaldesa, Ana Ermida, e a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Veiga, comprobaron a entrega do material adquirido con cargo a un recente convenio asinado coa Deputación Provincial de Lugo.

A concelleira responsable de Servizos Sociais, Carmen Veiga, lembra que se «trata da segunda remesa de material que se merca con apoio da Deputación, tras un primeiro investimento no servizo no ano 2020 de 20.000 euros, cos que se adquiriron entre outros camas articuladas, cadeiras de aseo, lavacabezas e andadores».

Ana Ermida sinala pola súa banda a «importancia de contar cun servizo coma este, que pon a disposición da veciñanza material de necesidade temporal e cun custo elevado, que moitas veces é difícil de asumir polas familias. Deste xeito, facilitamos as atencións ás persoas nos domicilios que, pola razón que sexa, precisan de asistencia».

O Concello de Barreiros, tras os investimentos realizados nos últimos anos, conta con material moderno e de uso sinxelo que se pode solicitar no departamento de Servizos Sociais do Concello e que cuxa solicitude, explican. Con estes investimentos sumáronse un total de 11 camas articuladas cos correspondentes colchóns, 6 colchóns antiescaras, 11 cadeiras de aseo adaptadas a diferentes espazos, como bañeiras ou duchas, 4 asideiros para o baño, 2 grúas, 2 andadores, 4 lavacabezas e outros materiais para uso do Servizo de Axuda no Fogar, como termómetros ou tensiómetros.

A rexedora e a concelleira ratificaron o compromiso do Concello de Barreiros no ámbito dos servizos sociais e a atención ás persoas, «poñéndoas no centro das políticas, dos investimentos e contribuíndo a que en Barreiros se viva mellor».