O BNG levará ao Parlamento «o enterro da VAP Costa Norte e a discriminación que supón para Viveiro e A Mariña»
A MARIÑA
Tamén organizarán o 9 de xaneiro un debate aberto na sala multiusos de Viveiro sobre a falla de infraestruturas prometidas, tanto o corredor como a A-74
27 dic 2025 . Actualizado a las 13:34 h.O BNG anunciou este sábado que levará unha serie de iniciativas ao Parlamento para que o PP explique os motivos polos que acaba de «enterrar a VAP Costa Norte deixando como único servizo para Viveiro e a comarca unha estrada convencional, botando así abaixo todas as promesas feitas ao longo de décadas».
«Por que a Xunta decidiu deixar A Mariña sem VAP? Cales son as razóns para inclinarse por este proxecto que non é unha VAP? Por que non se barallaron outras opcións?», serán algunhas das preguntas que formularán en sede parlamentaria os representantes da formación nacionalista. Sinalan que «este é o enésimo engano do PP á comarca, porque durante anos estiveron facendo anúncios que sabían que non ían cumprir. Todos recordamos cando o entón conselleiro, Agustín Hernández, dicía que se ían cumprir os prazos e que o corredor teria todos os tramos rematados no 2017».
«O certo é que A Mariña en 25 anos non tén corredor, a diferencia doutros territórios que como podemos comprobar estes días, en 18 anos tiveron corredor e agora xa van avanzando coa autovía. O PP terá que explicarnos o por qué deste trato discriminatório á Mariña», concluíron os representantes do BNG.
A portavoz municipal do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, anunciou tamén que o próximo 9 de xaneiro, ás 19:00 na sala multiusos do concello de Viveiro terá lugar un acto público aberto e coa participación de diferentes sectores sociais no que se tratará a situación actual das infraestuturas na comarca, pois a problemática non está só no corredor senón tamén na autovia A-74 dependente do Estado e da que non hai feito un só quilómetro nestes 25 anos. Neste acto, ademais da portavoz municipal, participarán tamén o deputado no Congreso Néstor Rego, o deputado no Parlamento Daniel Castro e o concelleiro Seve Salgueiro.