Hortensio, «o home orquesta», unha vida dedicada á música e a «enredar» para facer felices ós demais
A MARIÑA
Mestre xubilado de Viveiro, de 75 anos, é un dos artífices do espectacular Belén de Bágoas
23 dic 2025 . Actualizado a las 13:17 h.Nos anos noventa, de camiño ás aulas do antigo colexio Pastor Díaz de Viveiro (actual CEP Lois Tobío), Hortensio Gómez Álvarez (A Fonsagrada, 1950) balanceaba cunha tanza transparente un manoxo de chaves facendo «maxia» para sacar un sorriso dos rapaces. Trinta anos despois, aquel mestre xa retirado, sigue «enredando» para facer felices ós demais, creando momentos case máxicos. Ocorre cando actúa como «home orquestra», sendo capaz de tocar á vez a harmónica, o acordeón, a gaita, o bombo, o prato, o cencerro, a choca ou a pandeireta. Pero tamén cando monta o Belén que organiza a asociación Bágoas da Terra na Biblioteca Municipal, e que dá forma a unha aldea galega a medio camiño entre a costa e o interior á que non lle falta detalle, e que ano tras ano incorpora escenas novas. Nesta ocasión, a novidade é unha maqueta do Cargadoiro da Insua. «Fixen os cubiños nos que se levaba o mineral desde a mina da Silvarosa para descargar nos barcos», sorrí un home que naceu na aldea fonsagradina de Aldomán. A máis de 900 metros sobre o nivel do mar e preto da fervenza da Seimeira.
Naquela infancia feliz, chea de vivencias que el define como «sinxelas» pero que gardan a esencia da vida, en contacto coa natureza, entre castiñeiros e muíños, ríos e regatos, ferreiros e mallas, gaiteiros e tamborileiros... atopa Hortensio unha excelente fonte de inspiración para artellar os enxeños ós que dá movemento con motores de parabrisas de coches. «O que se pretende é crear un ambiente de Nadal, algo significativo para estas datas. Para que gocen os nenos e os maiores. Sexamos crentes ou non. Porque se o Nadal se converte só en compras, en consumo..., sería triste», reflexiona.
«Atópome ben de saúde e gústame facer moitas cousas. Sempre andiven toleando e acabo de incorporar 4 altavoces a bici do ‘home orquestra’», Hortensio Gómez, mestre xubilado
Alvarizas construídas para protexer os trobos (colmeas) dos osos, mulleres cosendo redes, un vareador de castañas, unha ferrería parecida á que había na Pontenova, un muíño similar o de Valcarría ou varios bailadores, entre outros moitos, animan un Nacemento no que, segundo destaca, ten «dous axudantes excepcionais»: Cruz Penso e Fanego. E destaca todo o traballo de Maricarmen Chipe. «Sen ela non habería Belén», di.
Do neno que cantaba nun barril de madeira á gaita prestada á que os ratos lle comeran o fol
Hortensio Gómez Álvarez estudou Maxisterio en Lugo e chegou a Viveiro como mestre no ano 1982. Antes dera clase en Cerceda e en Barcelona, pero animouse a pedir o traslado á cidade do Landro porque «botaba de menos Galicia» e xa estivera en contacto con Bágoas da Terra. Aquí se asentou coa súa muller, Inés, tamén mestra e que é natural de Meira, e aquí naceron os seus dous fillos, que seguiron os seus pasos tanto na docencia como na música. Non en van, a música é desde neno outra das súas maiores paixóns. «As primeiras vivencias que teño da música son de meterme nun barril de madeira no que meu pai preparaba un mexunxe para sulfatar as patacas e cantar dentro porque tiña un eco, un rever natural, que me parecía fascinante», sorrí. Unha harmónica que custou «catorce pesos» e coa que emulaba a un veciño, ou a gaita prestada por outro veciño, David do Perelo, á que os ratos lle comeran o fol foron os seguintes instrumentos. «Tiña tanta ilusión por tocar a gaita que aprendín de oído nunhas vacacións de Nadal no banco ó pé da lareira recordando pezas de gaiteiros da Fonsagrada», evoca mentres recorda como seu pai, que facía molidas para as vacas, lle fixera o fol ou súa nai lle enviou 400 pesetas para que dese clases de acordeón. Tamén ó músico Xosé Castiñeira, que lle regalara un violín.