O Concello de Trabada vivirá esta fin de semana un amplo programa de actividades organizadas en colaboración coas asociacións veciñais e comisións de festas locais. A programación arrincará o sábado 15 de novembro coa celebración de San Briz 2025 en Vilarbetote, e continuará o domingo 16 en Sante cun maratón de tute e un gran cocido popular.
En Vilarbetote, a festa de San Briz incluirá ás 13:00 horas a tradicional misa solemne, seguida da sesión vermú ás 13:30 e da verbena a partir das 22:00 horas, amenizada polo Dúo Epok-a. A xornada desenvolverase baixo carpa para garantir o bo ambiente independentemente do tempo. O domingo 16 de novembro, a parroquia de Sante acollerá dúas citas moi esperadas: o maratón de tute, que comezará ás 11:00 horas, e o gran Cocido Popular, que se servirá ás 14:30 horas no polideportivo da localidade. Desde a organización destacan a gran acollida destas actividades, cunha importante participación xa confirmada. Ademais, o cocido está aberto a todas as persoas que desexen gozar da xornada, aínda que non participen no torneo de cartas.
O Concello de Trabada, a través do seu alcalde Rubén García, quere poñer en valor «o traballo das asociacións, clubs e comisións de festas, que fan posible manter viva a nosa tradición e dinamizar o territorio cun calendario cheo de vida e participación veciñal». O rexedor subliña tamén «a importancia da colaboración municipal para apoiar este tipo de eventos, que contribúen a fortalecer o tecido social e económico das parroquias».