«Desmontando bulos machistas en redes», primeiro coloquio que organiza a nova Rede de Saúde Local creada en Foz

La Voz

A MARIÑA

XOAN A. SOLER

Participarán a presidenta da Audiencia Provincial, unha maxistrada da Sala do Social de Lugo e un maxistrado do TSXG; será o día 14

07 nov 2025 . Actualizado a las 22:43 h.

A concelleira de Sanidade en Foz, Kathy Navarro, anunciaba este venres que crearan a Rede de Saúde Local de Foz, unha alianza entre o Concello, os centros educativos públicos de Foz e o Centro de Saúde da mesma localidade, promovida pola Rede Galega de Promoción da Saúde. O primeiro acto que organizan é un coloquio sobre bulos machistas nas redes e será o día 14 deste mes.

«Esta rede nace como un espazo de colaboración estable e coa vontade de fomentar accións comunitarias e coordinadas destinadas a mellorar a calidade de vida e da veciñanza, entendendo a saúde como un concepto amplo que inclúe non só o aspecto físico, senón tamén o emocional, social e ambiental», explica Kathy Navarro. Como primeira acción pública, a Rede de Saúde Comunitaria organiza a conferencia «Desmontando bulos machistas nas redes», que se celebrará o día 14 de novembro ás 20:00 horas na Casa de Cultura de Foz. Será impartida por Sandra Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial; Dalila Pazos, maxistrada da Sala do Social nº3 de Lugo, e Luis Villares, maxistrado da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Galicia.

Kathy Navarro engade que «ademais da conferencia aberta ao público, e dada a inmensa predisposición e colaboración deste profesionais de ampla traxectoria e recoñecida competencia, manterán tamén un encontro cos alumnos e alumnas do Centro de Ensinanzas Secundarias, no que abordarán este tema adaptado á súa realidade e intereses».