Andaina para medir o tempo que levará ir ó novo centro de saúde de Ribadeo

T. Lombardero

A MARIÑA

Será este sábado ás 12 saíndo do centro de saúde actual

29 may 2025 . Actualizado a las 14:17 h.

O pasado martes, 20 de maio, celebrouse unha xuntanza da Plataforma pola Defensa das nosas Árbores para debater sobre o proxecto de construír un novo Centro de Saúde nos arrabaldos do extrarradio de Ribadeo, e deixar sen actividade o centro actual. Tod@s @s integrantes do grupo estiveron de acordo en que o problema máis grave da sanidade en Ribadeo non é de locales, senón de persoal sanitario. A falla de Médicos de Atención Primaria, de Pediatra e de Enfermeiras é o que os ribadendes constatan todos os días e padecen as insoportabeis listas de agarda. Ninguén se queixou nunca de se o edificio do actual centro de saúde pode ter algunhas eivas polos anos da sua construción ou precisa algunha reforma. En todo caso o proxecto de levar o Centro de Saúde aos terreos en fronte da estación de servizo considerouse un atraso para a gran maioría das persoas usuarias destes servizos, en primeiro lugar pola enorme distancia de un kilometro ao centro actual e as grandes dificultades para acceder a esa zona, non so pola distancia senón polas rotondas, cruces e estado das aceras, moitas delas inexistentes ou intransitabeis.

Temos comprobado por enquisas que o 75 % das persoas acuden camiñando ao centro actual e non en coche, e que a cotío entre 750 e 800 persoas úsano nos días de diario. Tamén resulta obvio que a gran maioría son persoas de idade avanzada ou cativos cas súas nais, e mesmo que a zona onde se pretende construír o novo centro está nunha curva perigosa, de pousa visibilidade, e que nas horas da mañán adoitan circular ata 17 automóbiles por minuto, moitas veces en caravana, o que temos comprobado repetidamente sen mirar as horas punta de entrada e saída do traballo que seguramente serán moitas máis. Calcúlese o que serán 400 ou 500 viaxes máis por esa zona para entrar e saír do centro de saúde.

Pola outra banda consideramos que a maior parte da xente de Ribadeo non está ben informada sobre os problemas que traerá levar o servizo de saúde a un km de distancia, e mesmo temos comprobado que hai moitos que se queren desentender decindo que “de aquí a que se faga”... Polo tanto acordamos facer unha ANDAINA para recoller información, facer fotos, informar á veciñanza e medir o tempo e os atrancos que nos levará ir dende o actual centro ata a zona onde se pretende poñer o novo, ou sexa enfronte da estación de servizo. O acto será o sábado 31 de maio saíndo ás doce da mañán do actual centro de saúde e indo polas beirarrúas. Ou sexa que non se trata exactamente dunha manifestación de protesta, nen se pretende que haxa unha asistencia masiva pero invitamos a todas as persoas que o desexen a participar nesta ANDAINA INFORMATIVA que será o SABADO, DIA 31 DE MAIO SAÍNDO ÁS 12,00 HORAS DO ACTUAL CENTRO DE SAÚDE.

PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES.