A ximnasia democrática en Viveiro

Iván Arias Balsa

A MARIÑA

PEPA LOSADA

22 feb 2025 . Actualizado a las 11:09 h.

As mocións de censura, e polo tanto o cambio nos gobernos, son unha especie de compoñenda matemática que sucede nos sistemas parlamentarios. Son unha ximnasia nunca esperada, e por tanto disruptiva. De feito, o lexislador, adoita enunciala coma unha reliquia mínima do sistema. Repentinamente un grupo político cambia de signo, polas causas que sexan, e alteran a aritmética do corpo representativo, de tal maneira que se da lugar a unha maioría de distinta posición política, cambiando, así, no seo da cámara representativa, un goberno. Este mecanismo ten variantes, pero en España asumiuse a forma da Constitución alemana -moción de censura construtiva: máis complicada. Debe levar aparellado un candidato á gobernación-. E asumiuse a tódolos niveis. Pero, mentres que no Estado só funcionou unha soa vez -a moción do PSOE a Mariano Rajoy, e o cambio por Pedro Sánchez na presidencia do Goberno, en xuño do 2018- nos concellos funciona máis habitualmente. A explicación adoita ser a seguinte: nos concellos hai grupos independentes, particulares, ou integrantes de partidos estatais pouco vinculados ós seus líderes, que toman a iniciativa, e viran, polo que sexa, para cambiar o rumbo do Goberno. ¿É o cambio de dirección, en política, reprobable? Efectivamente, éo. Coma calquera outra medida política. Pero a expresión máxima desa reprobación, ou a confirmación, correspóndelle ós votantes na próxima elección, e iso está determinado con unha fixeza absoluta pola lei electoral. Ata maio do 2027 non haberá novas eleccións municipais. Mentres tanto caben outras censuras menores, como a protesta. Pero dalgo sí que hai que decatarse: un gobernante en minoría está atado polos seus compromisos. Non cumprilos pode dar lugar a unha reprimenda tan seria coma a súa remoción. En Viveiro botouse moito tempo «in albis» porque non se lle podía dar cuartel á dereita. Coma se a dereita fose un anatema antidemocrático, fóra do sistema. Apestados. Pero semella que os indepes vivarienses non o ven así agora mesmo. Habería que revisar esta forma de asumir os votos de gran parte da poboación. É unha cuestión de perspectiva. Bendita, maldita, ou fastidiosa perspectiva. Que fai ver o que queremos, o que odiamos, e o que ben non sabemos o qué. Volvemos ó de antes: é cousa da preferencia política de cada quen. Pero, en definitiva, se a moción de censura se presenta, democrática é. O caso é que, coma todas as cousas, non agradará a todo o mundo. Prospere ou non. Hai que ter en conta iso. A política parlamentaria é así. E aceptar o seu resultado tamén é o máis democrático no sistema político español, que é no que bailamos. Mal que lle pese a calquera.

* Iván Arias Balsa. Doutor en Dereito. Profesor na Facultade de Dereito na USC.