Viveiro califica de éxito o servizo de Madrugadores nos colexios e paga os almorzos en tres centros

La Voz

A MARIÑA

Ademais en dous deles aporta persoal municipal

06 feb 2025 . Actualizado a las 18:53 h.

O Concello de Viveiro fai un balance moi positivo do funcionamento do servizo de Madrugadores nos centros educativos. A alcaldesa, María Loureiro, e a concelleira de Educación, Andrea Ríos, mantiveron unha reunión para avaliar o funcionamento do servizo, no que o concello colabora desde hai tempo.

«É fundamental para impulsar a conciliación familiar», asegura María Loureiro, que agradece «a boa disposición da comunidade educativa de Viveiro». En concreto, o concello colabora co servizo de Madrugadores en tres dos centros educativos que hai en Viveiro.

Neste curso, o concello asume os gastos dos produtos de alimentación para os almorzos dos nenos e nenas que fan uso deste servizo na Escola de Educación Infantil San Roque, no Centro de Educación Primaria Lois Tobio e no CEIP de Celeiro.

Ademais, o concello facilita persoal municipal para colaborar nas tarefas deste servizo de Madrugadores na EEI San Roque e no CEIP de Celeiro.