O Concello de Ribadeo contratará por primeira vez unha persoa con Síndrome de Down

La Voz

A MARIÑA

CEDIDA

Será para tarefas no servizo da alcaldía

04 feb 2025 . Actualizado a las 18:17 h.

Ribadeo contratará por primeira vez a unha persoa con síndrome de Down, segundo vén de anunciar o alcalde, Daniel Vega. O rexedor contou que mantiveron un encontro coa asociación Down Lugo, «unha asociación que ten presenza en toda a provincia, cuns obxectivos moi claros, cunha pegada social importante, e desde logo nosoutros desde que levamos aquí no goberno municipal estamos colaborando con moitas asociacións sociais que cumpren obxectivos importantes de integrar e de apoiar a moitas persoas, e nós como administración debemos estar unidos a eles».

Vega sinalou que «o concello ten unha serie de subvencións nominativas a moitos colectivos, outros vanse incluír no orzamento de 2025 e con outras asociacións o que temos son apoios puntuais ou propostas concretas en colaboración coa Xunta de Galicia. E no caso de Down Lugo é unha proposta importante, é un salto cualitativo, porque vamos contratar unha persoa con síndrome de Down. Esa persoa vai estar en Alcaldía e seguramente que vamos estar moi orgullosos del ou dela».

«Da persoa que sexa, que cumpra co seu traballo, pois seguramente que vamos aprender todos del ou dela», apuntó el regidor ribadense. «Tamén queremos chegar a outro punto concreto coa asociación Down Lugo, que é a celebración dun foro de análise para ver como podemos apoiar e colaborar máis con esta e outras asociacións», conclúe Vega.