Eterna Peque!

Rosana Expósito

A MARIÑA

PEPA LOSADA

19 may 2023 . Actualizado a las 18:08 h.

10 de abril de 1987. Eloy de la Iglesia estreaba “La estanquera de Vallecas”, xustamente unha semana despois de que unha nai con dores de parto ingresara nun hospital para traer ao mundo a unha estrela.

Aquel 3 de abril vería por primeira vez a luz unha bebé que apretaba con forza entre os seus peíños un balón, non fora ser que llo quitasen. Aquelo era un sinal porque leva 36 anos pegada a el, e de que maneira!

Paseou o balón por pistas de Madrid e A Rioxa, ata a tempada 2011-12 na que arribou a Burela.

Namorada do mar, da xente de Burela e da Mariña -pois somos acolledores coma as e os de Vallecas- botou catro tempadas no Pescados Rubén Burela FS nas que nos deleitou co seu xogo ademais de estrear o palmarés do equipo na Liga Nacional como campioas de liga no 2013. Un pracer para os sentidos desfrutar dela na pista.

Contaxiada das ansias de mellora e superación que nos caracteriza ás galegas e galegos, decide emigrar para ir facer as américas á “bota de Europa” por dous anos. A luz do sol laranxa do Vista Alegre bateu nos seus ollos para quentarlle novamente o seu corazón alaranxado e volta para a súa casa deportiva: o Burela FSF.

Dende a tempada 2018-19 as nosas vitrinas tiveron que ser ampliadas, os títulos non tiñan cabida, un soño do que non queríamos despertar; todo grazas ao xogo en equipo liderado por esta PEQUEna, gran muller.

Técnica, con visión de xogo, limpeza na pista, compañeirismo, deportividade, esforzo máximo, loitadora, inesgotable,..., e como boa vallecana, consciente da condición de clase, combativa, reivindicativa ante as inxustizas sociais e inclusiva, pero tamén rebelde, moi rebelde!!

Hoxe a afección laranxa sentímonos un pouquiño orfos. Non queremos deixarte ir pero somos conscientes de que cada quen ten que buscar o mellor para si mesma, aparcando os sentimentos a un lado e complementándoos con outras satisfaccións. Aínda que doia...

Coma no filme “El club de los poetas muertos” a miña máxima é o Carpe Diem. Vivir cada momento coma se fose o derradeiro. E chegou, ese intre chegou; pero quédome con todo canto nos brindaches desde o 40x20 con toda a paixón polo balón, as cores, o escudo e a afección.

Un concello de apenas 8 kilómetros posto no mapamundi polo mellor equipo do mundo comandado pola segunda mellor xogadora mundial -para nós a primeira-. “Non é só gañar, é facer historia” e tí neste equipo déixala escrita con letras maiúsculas que nos tocan a todas e a todos a nosa “pataca laranxa”.

“Oh, Capitana!! Mi Capitana!!”

Ese número 7 da camiseta laranxa será eterno, coma a pegada que deixas en nós: imborrable. Eterna, sempre, Peque!!!