Respecto

Estíbaliz Veiga ARRIBA O PANO!

A MARIÑA

XAIME RAMALLAL

25 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe escribo feliz, feliz por estar de volta de cheo ás táboas. Despois da estrea da ópera que protagonizo interpretando a Dona Emilia Pardo Bazán, da acción dramática na que calzo os zapatos de María Vinyals e de recuperar á miña Rosa, galega profunda, na obra Castrapo, este mes de novembro volvo aos Golpes.

Unha posta en escena sobre mínima escenografía, e escasos recursos técnicos para darlle o máximo valor ás mulleres representadas. Baseada na historia real dunha rapaza que padece violencia machista e que sobrevive a dous intentos de asasinato a mans dun home, a súa ex-parella. Un espectáculo que pode representarse case en calquera espazo, onde o primordial é a posibilidade de conexión cos espectadores. Unha biblioteca, un centro social, un auditorio, etc... son os lugares nos que levaremos a cabo este monólogo, na procura da maior facilidade de acceso á concienciación do público na terceira xira que proporciona a Secretaría Xeral de Igualdade. No eido do programa «365 días polo respecto e a igualdade» da Consellería de Emprego e Igualdade con motivo do Día Internacional pola Eliminación das Violencias contra a Muller.

Nos últimos anos, detéctanse moitos casos de relacións de parella entre adolescentes e xente moi nova cunha forte carga de violencia verbal e incluso física. Ademais, estudos recentes como o realizado polo Ministerio de Igualdade e a Universidade Complutense de Madrid amosan que entre a poboación máis nova aínda persisten ideas cargadas de sexismo e que xustifican a violencia. Polo tanto é necesario intervir coa poboación máis nova para previr a violencia de xénero e a escola é o medio ideal para acceder a esa poboación xuvenil e poder introducir valores igualitarios e libres de estereotipos sexistas, así como para facilitarlles pautas para a detección precoz desas situación de violencia de xénero, por iso percorreremos case vinte centros escolares. Tamén iremos a casas da cultura, concellos e incluso nun centro penitenciario. Na casa ‘xogarei’ o 1 de decembro, no acto organizado por Daniel Vega en Ribadeo, esa mesma mañá estaremos en Cervo, o 13 de decembro en Burela e de volta a Ribadeo o 21 tamén de decembro. Unha xira de 30 funcións que agardamos chegue e que a súa mensaxe cale fondo, xa que os datos indican que, desafortunadamente, seguen os feminicidios. Ata que isto non remate, debemos seguir na procura dun mundo sen violencia ningunha.