Sara Moreno: «Síntome completamente realizada con esta ópera, 'A amnesia de Clío'»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

CEDIDA

A obra foi estreada o pasado domingo no Auditorio de Galicia, en Santiago, polo Coro Terra A Nosa no que canta a soprano viveirense

14 nov 2019 . Actualizado a las 10:32 h.

O veterano Coro Orfeón Terra A Nosa participa na ópera A amnesia de Clío, que foi estreada o pasado domingo en Santiago, no Auditorio de Galicia, coa Real Filharmonía de Galicia. Este xoves estará en versión concerto, na cidade de Ourense. Ao orfeón pertence dende hai 14 anos a mariñá Sara Moreno Hermida, natural do Vicedo pero veciña de Viveiro dende os 12 anos. A súa irmá Irma tamén estivo no coro.

-Fale un pouco desta ópera.

-Clío é unha personaxe múltiple: non só a musa, senón que se transforma nunha muller real que empeza no mundo da arte tamén como musa, pero quere traspasar máis aló e métese no mundo da política. Realmente é unha proposta moi feminista, porque fala da irrupción da muller en espazos que antes estaban relegados para ela.

-Como é a súa participación?

-Personaxe como tal non teño. Pertenzo ao coro, e o coro en si mesmo é un personaxe, tamén multidisciplinario, que fai varias cousas en diversos momentos. Por veces levamos traxe de estilo militar, porque as mulleres do coro formamos parte precisamente do exército de Clío, que, con ela, e grazas a ela, vanse inmiscuíndo neses espazos. Hai unha escena particular, un dos clímax da ópera, que é unha poxa de arte na que tamén hai esa fusión arte-política, porque se están poxando cadros de George Bush.

-No seu caso, que supón este traballo a nivel de esforzo?

-O esforzo máis forte, para min e creo que o coro comparte a miña opinión, é o traballo escénico. Pedíronnos moito traballo de figuración actoral e que complementa esta historia. Foi un traballo esgotador. De feito, estivemos moitas horas preparándoo en fins de semana durante varios meses. Foi esgotador, pero tamén moi gratificante. Síntome completamente realizada e estou emocionadísima!

-Para moverse no mundo da ópera tivo que saír da Mariña.

-Tamén estou noutro proxecto, empezando aínda, porque estou estudando quinto de profesional de canto en Santiago e no conservatorio como actividade extracurricular empezamos a montar unha ópera, máis pequena ca esta.

-Que a levou ao canto?

-Levoume estar facendo música toda a vida, dende pequeniña. Empecei estudando piano con 8 anos, despois Historia da Arte... Pero todo sempre compaxinado con actividades musicais. Levo cantando en coros dende o colexio.

«Para esta ópera pedíronnos moito traballo de figuración actoral, complementa a historia»

«Sempre compaxinei os estudos coa música, e canto en coros dende o colexio»