Cara aberta da Plataforma Veciñal Pro Celeiro


A Plataforma veciñal Pro-Celeiro rexeita abertamente a equiparación que un determinado medio de comunicación fai de políticos e veciños ao dar conta da manifestación que se levou a cabo o pasado sábado día 31 co obxectivo de protestar e reclamar solucións á contaminación por augas fecais á ría de Viveiro, e na que participaron preto de 2.000 persoas.

Se ben é certo que cantos máis mellor, pois a unión fai a forza, non o é menos que queremos manter activada a transversalidade deste momento cívico, e por iso queremos seguir mantendo que somos unha plataforma apartidaria; que non apolítica, pois a política é a ferramenta inescusábel da que nos valemos en democracia para a defensa do ben público ou común. E a ría é un ben público, de todos e de todas.

Isto  último choca frontalmente coa foto que  ese determinado medio de comunicación seleccionou para encabezar a crónica da manifestación. Que só aparezan en primeira liña da mesma os tres representantes do partido político que sostén no poder a quen é o principal responsable do deterioro da ría e da insalubridade que ameaza a saúde de cantos e cantas se bañan na praia urbana de Celeiro (unha situación de perigosidade que tamén se da na praia de Covas) fainos pensar nunha manipulación intencionada de branqueo.

A licitación e execución das obras da depuradora e do emisario que verte as augas residuais a escasos metros do porto e da praia de Celeiro é competencia e responsabilidade de Augas de Galicia, organismo que depende da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e que preside o líder do PP, Núñez Feijóo.

A Plataforma ratifícase na súa intención de seguir mantendo a iniciativa desta reivindicación cívica, transversal e plural, porque somos conscientes de que é como poderemos conseguir, todos xuntos e xuntas, o obxectivo que perseguimos: unha ría e unha praia limpas e seguras. Cantos máis se sumen, mellor (asociacións, partidos, sindicatos...etc). 

Pero demandamos dos medios de comunicación un celo especial á hora de trasladarlle á opinión pública a información literaria e gráfica das nosas convocatorias, sen confundir nin manipular  protagonismos.

O protagonismo é colectivo. Non partidario. E si veciñal e cívico.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Cara aberta da Plataforma Veciñal Pro Celeiro