Manuel Gil Castro, realizador focense: «Apuramos a estrea da curta para poder dedicarlla a Gustavo Pernas»

O proxecto foi tutelado primeiro polo director viveirense que falecía o ano pasado


burela / la voz

O breve e bo, dúas veces bo, di o dito popular. Nunha curtametraxe pode caber de todo. Ata 13 actores e cinco localizacións distintas. A cabalo entre A Coruña e Oleiros foi a rodaxe, case toda en exteriores e de noite, dun primeiro traballo profesional con firma mariñá, baseado na obra Saxo Tenor de Roberto Vidal Bolaño. É do focense de Nois Manuel Gil, residente en Burela, que a adaptou para crear O jazz dos proscritos e que conta, entre os actores e actrices, co fillo do destacado autor, Roi Vidal, e coa que foi a súa primeira muller, Laura Ponte. A produción executiva é da Escola de Imaxe e Son, estudos que Manuel Gil rematou en 2013.

-Como está o panorama laboral dentro do campo audiovisual?

-Mal. Bastante mal. Polo menos parte de realización, que foi a que eu fixen, está frouxo. Fanse proxectos independentes, pero o que é traballo en audiovisual non hai moito. En realización menos.

-Este proxecto, é independente?

-O noso é un proxecto que produce a Escola de Imaxe e Son da Coruña, como algo independente da súa función académica. Para curtas e documentais abre a convocatoria e quen queira presenta os proxectos. Neste caso, hai produción por detrás. Nun primeiro momento tutelou o proxecto Gustavo Pernas, de Viveiro.

-Debeu ser un mazazo coñecer a noticia do seu falecemento.

-Os profesores de alí son bastante queridos e é xente que ten unha bagaxe. El tiña moito interese neste proxecto porque era moi defensor de Bolaño, por como pelexou por profesionalizar o teatro. Si, foi un mazazo. De feito, apuramos a estrea para poder dedicarllo. O proxecto presentouse en decembro na Escola, pero so foi na Escola. A partir de aí, sacamos o tráiler pero queremos facer unha proxección máis grande.

-Tamén figuran o irmán de Gustavo, Miguel Pernas, e Laura Ponte e Roi Vidal, primeira muller e fillo de Bolaño.

-Si, a primeira muller de Vidal Bolaño, que foi moi importante, e tamén o fillo que non é actor pero é dramaturgo e prestouse para sumarse a esta homenaxe.

-Como afrontou este proxecto?

-Intentando priorizar que os actores puideran lucirse porque creo que é un texto de personaxes. As personaxes de Vidal Bolaño son moi boas e están moi ben feitas. Bolaño era moi apaixonado, en primeiro momento do cine, e do teatro. O que quixo foi intentar profesionalizar o teatro, que a xente puidera vivir del. Pelexou sempre e ata estivo vetado por dar moita caña. Considerou que o teatro que farían era un teatro feito para aquí, galego e en galego.

-Cal é o seu traballo habitual?

-Contabilidade. Estudei Administración e Dirección de empresas, ademais de estudar na Escola de Imaxe e Son.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Manuel Gil Castro, realizador focense: «Apuramos a estrea da curta para poder dedicarlla a Gustavo Pernas»