«Eles tratánme como unha neta»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA ALFOZ / LA VOZ

A MARIÑA

PEPA LOSADA

Empezou o novo curso da Escola de Maiores de Alfoz co programa «ActivaMente»

04 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

De pequenos foron ao colexio. Tantos e tantos anos despois, regresaron a unha aula pero un tanto diferente e máis sabios. Dise que a mellor escola é a vida, e dela eles saben moito. Son os alumnos e alumnas que onte comezaron outra edición do programa de estimulación cognitiva do Concello de Alfoz, ActivaMente, dirixido a maiores de 55 anos, con clases semanais de hora e media os mércores, que dura un curso enteiro, impartidas por Tatiana Barreira (Alfoz, 1978).

-Cantos alumnos hai este ano?

-Son 25. Ten 56 o máis novo e 90 a máis maior. Son de Alfoz pero unha que vén de Burela é nacida aquí, e outro é de Foz, que empezou o ano pasado por primeira vez. A de Burela di que vén coas amigas da escola.

-Cal é a clave deste programa?

-Eu son psicopedagoga. O obxectivo é estimular as capacidades que teñen adquiridas e que aprendan cousas novas.

-Como é unha clase habitual?

-Gústanlles moito os xogos. No primeiro día a dinámica serve para romper o xeo e coñecerse.

-Piden moito os exercizos para estimular a memoria?

-Dígolles que non é que teñan problemas de memoria. Máis ben son despistes propios da idade, que hoxe en día xa temos antes.

-Que ambiente se respira?

-De alegría. Sempre teñen moito que contar, moitas anécdotas, é un ambiente moi agradable. No verán non facemos clase e botan de menos o compañerismo. Ademáis, varios dos que veñen viven sós. Dos 25 participantes, mínimo dez ou máis. En Alfoz tamén teñen ximnasia, ioga ou piscina pero como a estas clases poden vir con ou sen problemas de mobilidade, todo o mundo pode facer o programa ActivaMente.

-E o noso cerebro tamén necesita facer ximnasia a diario.

-O cerebro é un músculo máis. Canto máis o traballas, mellor.

-Seguro que algún maior a sorprende, por exemplo, en cálculo mental ou pola súa memoria.

-Si, algunhas persoas teñen habilidades de cálculo pola profesión que tiveron. De moitas cousas si se acordan, como por exemplo os que aprenderon os ríos de retahíla. Aquí traballamos todo o que nos pode axudar a ter un envellecemento activo e temos un programa de actividades que lles poden resultar interesantes. A finais de mes teño programada unha xornada para a xente maior en xeneral sobre seguridade vial, normas e sancións, circulación en glorietas... Será o día 26. Hai que inscribirse. E en novembro haberá dúas citas da Escola Galega de Saúde.

-Algúns volven ano tras ano?

-Levamos catro anos co programa. Algúns, como algúns din, son repetidores pero con gusto.

-Van a clase con ánimo?

-Eu véxoos moi animados. A xente que participa é botada para diante, con ganas de relacionarse, de saír. Aquí teñen unha excusa para facelo, máis aló de ir á cita médica ou ir ao banco...

-E as novas tecnoloxías?

-Lévanas ben. O curso pasado tivemos un obradoiro de manexo de teléfonos móbiles, pedido tamén para este ano. Non van chatear nin publicar en Facebook nin en Instagram, pero é para eles unha forma de estar no mundo. Tamén queren falar cos netos para non perder o fío e que non haxa unha ruptura xeneracional.

-E vostede, como se sinte con estes alumnos en clase?

-Eles trátanme como unha neta. É unha relación moi familiar. E celebramos sempre os cumpleanos.