Nesta andaina como emprendedora, lanza unha aposta por tratamentos naturais
03 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O 15 de setembro abría as portas do seu novo proxecto empresarial en solitario. A perruqueira e esteticista viveirense Patricia Prieto Mariño estreáse no mundo emprendedor despois dun período de reflexión e inquedanza que deu paso a un novo de ilusión e moitas ganas de traballar. Patricia é o nome do seu centro, en pleno casco histórico da cidade.
-Por que tomou a decisión de abrir o seu propio negocio, sobre todo dentro dun sector tan forte como é o da beleza en Viveiro?
-Quero ofrecer un centro que coide e mime aos clientes.
-Canto tempo leva no sector?
-Dez anos.
-Que servizos ofrece e por que marcas apostou nesta andaina?
-Ofrezo depilación con fío, ceras, masaxes, tratamentos corporais e faciais, láser de diodo (que fai unha profesional externa). En marcas, traballo con Arôms Natur en cosmética de cabina. En maquillaxe, que é tratante, con Masters Colors París. A miña aposta é polos tratamentos naturais; vexo que hai demanda.
-Como foron estes primeiros quince días tras a apertura?
-Foron días de nervios, ilusión, incertidume, alegría tamén porque vin xente que había moito tempo que non vía. Agora como emprendedora teño respeto pero ao mesmo tempo véxome decidida porque era o momento. E con moitas ganas de traballar!
-Que é o que máis se demanda agora mesmo en beleza?
-Como aínda estamos no tempo de sol, porque o verán se está alongando, sobre todo manicuras e pedicuras. En tratamentos faciais, sobre todo limpezas. Vén moi ben facer unha despois do verán, un detox como se soe dicir.
-Falou antes da depilación ao fío.
-Cun fío de algodón fanse dous tratamentos nun. Por un lado, arranca de raíz o pelo. Por outro, fai un pequeno peeling na zona. É para toda a zona facial. Hai xente que non aguanta a cera. O fío é especial para xente coa pel delicada e sensible.
-De sempre, a gran clientela deste tipo de centros foi feminina. Xa ten algo de masculina?
-De momento, a que estou recibindo é feminina, pero tamén atendo masculina. Esta semana fago un dez por cento de desconto desconto en todo, excepto láser. Ademáis, o vindeiro día 11 deste mes, con cita previa, teño previsto celebrar unha xornada de tratamento renovador da pel e unha posta a punto en beleza, coa presenza dunha asesora para detectar os nosos puntos fortes, por exemplo, á hora de aplicar a maquillaxe.
-Neste sector, ten tamén moito peso o factor da innovación.
-Si, é un sector no que se está moi obrigado a estar ao día.
-Esta última fin de semana foi, por exemplo, a feira Look no Ifema en Madrid, onde se viron as últimas novidades. Puido ir?
-Non, non puiden. Pero si, a miña intención é ir a feiras do sector e estar ao día.
-Dentro das cuestións de beleza que máis pode preocupar á xente, a figura é importante?
-Si, vexo que a xente preocúpase cada vez máis pola figura, a súa imaxe en xeneral pero tamén busca tratamentos e produtos que non sexan agresivos. Por iso, eu decántome pola liña natural e por facer manualmente os tratamentos, que non impide que incorpore algunha máquina, pero preferiblemente o mínimo.
-Que tipo de beleza se busca?
-A xente o que quere é ter sana a pel, ou tamén non ter ningunha arruga.
-Iso dependerá da idade...
-Xa o di o refrán que ‘a cara é o espello da alma’; iso demostra tamén o que viviches ou non viviches. Podemos dicilo do corpo en xeneral tamén.