En defensa do rural galego

RAMÓN REIMUNDE

A MARIÑA

02 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

ería moi fácil caer na tentación de facer aquí un menosprezo da urbe e gabanza da aldea, así como falar das excelencias da vida no campo, moi dubidosas hoxe, pois vivimos na aldea cos mesmos ruídos, estradas e electrodomésticos que nas cidades. Cada vez é máis difícil o silencio, a paz do campo e ouvir cantar os páxaros. O que eu quería é defender o mundo rural galego en xeral, sen atacar o urbanismo actual e sen condenarnos para sempre a un ruralismo anticuado, como defendían na Xeración Nós.

Aceptamos todos que Galiza é un país rural, aínda que o estilo de vida da súa xente sexa hoxe máis ben urbano. Hai nada de tempo Galiza era un país totalmente rural, con carros de vacas polas rúas e un sesenta por cento de habitantes camponeses que vivía no campo e do campo. Agora a xente máis nova foise para as cidades e zonas urbanizadas da costa, ficando só os vellos na aldea coidando como poden as casas antigas, as fincas e a facenda animal residual. Con todo, sempre seremos un país eminentemente rural, por unha razón xeográfica. E iso merece un recoñecimento.

Quizá este aparente abandono, - porque os novos volven os fins de semana e vacacións-, non sexa tan prexudicial como parece a simple vista, con todo a prado e monte bravo, porque supón un retorno á natureza orixinal, antes de que fose manipulada e traballada polo home. Os montes, por exemplo, poden estar trinta anos vexetando sen intervención humana, e non pasa nada, a non ser que ardan. As plantas medran máis. Un campo galego neste estado selvático e natural pode gustar aos urbanitas que vaian de excursión e gozen co turismo rural en bruto, como un safari. Mais iso traería consecuencias moi negativas para o país en xeral, pois ese desleixo do mundo rural, sen pastos e cultivos protectores ben atendidos que defenden dos lumes, sen gando e animais de caza que controlen o ecosistema vexetal, sen ríos limpos e con pesca fluvial con turismo e deportes, sen un sector forestal produtivo con unha xestión sustentable e con certificación, que aporte economía rendible complementar de forma que os mais novos vexan que hai futuro atractivo no campo, con todas as súas diversas producións en produtos naturais, sen todo iso, e co turismo natural, a paisaxe e os deportes ao ar libre, vaise producir a fuxida total en moitas aldeas e, desde logo, a catástrofe ambiental conseguinte, porque ninguén as coidará, e arderán ou acabarán desaparecendo, todo a bravo ou monte raso e arbustivo, intransitábel, con unha paisaxe caótica e afeada.

Por iso teríamos que conservar esa rara especie humana que é o “homo rústicus galaicus”, que habita, traballa e coida o campo, única forma de deter o declive das zonas rurais, onde todo sempre vai en contra, empezando pola climatoloxía e acabando polo mercado, dado que todo canto se produce nunca é rendible e acaba deixando perda.

Debíamos estar orgullosos da xente do campo, dos paisanos, e do traballo que se desenvolve no mundo rural galego, onde mal sobreviven os nosos mais antigos costumes e tradicións. Seguramente é máis divertido morar nunha cidade ou nunha vila, coas loxas e supermercados cerca, con tanta xente coa que alternar, tanto espectáculo que ver e tanta polución e ruídos que padecer. Mais a vida nunha casa de campo ben acondicionada non ten nada que envexar a un piso urbano e si ten outras moitas vantaxes e tranquilidades. O natural non é vivir amoreados en colmeas ou pisar cimento. Infelizmente, todo depende neste mundo da economía. Porén no campo tamén se pode vivir moi ben se achamos a maneira de ser produtivos de riqueza, de moitas formas, agrarias, forestais, turísticas, gandeiras, con unha vida máis natural e sa, onde poderemos convivir con menos xente, mais sen aburrirnos, salvo cando chove seguido.

Con Promagal vamos asistir a MOBILIZACIÓN DO DIA 3 DE XUÑO en Santiago en defensa do mundo rural galego noso, pois, efectivamente, a xente do campo non somos o problema senón a solución para este país e os mantedores da súa natureza e esencia.