Fonte de cultura

María Loureiro

A MARIÑA

24 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As bibliotecas son un recurso cultural fundamental e a súa labor sociocultural é imprescindible. Por esta razón, considero que é necesario fomentar a lectura e reivindicar a importancia das bibliotecas, entendidas como lugar de encontro para os lectores de distintas xeracións e, tamén, como fonte de cultura, coñecemento e formación.

Neste sentido, no que vai de ano, dende a Biblioteca Municipal de Viveiro organizáronse tres actuacións, dentro do programa Ler Conta Moito, da Rede de Bibliotecas de Galicia, destinadas ao público infantil; estas actividades teñen unha gran acollida, esgotándose sempre as entradas dispoñibles. Ademais, a Concelleira de Cultura, Muller e Xuventude tamén está a realizar as xestións necesarias para ampliar a zona destinada ao público infantil e xuvenil con melloras destinadas a promover a lectura entre os máis pequenos. Todas estas accións forman parte das iniciativas que dende a Concellaría de Cultura, Muller e Xuventude se están levando a cabo nestes últimos anos co fin de dinamizar a Biblioteca Municipal de Viveiro, dándolle un impulso innovador a este espazo tan importante.

Por último, quero aproveitar esta celebración para agradecer e lembrar publicamente as xestións realizadas polo anterior alcalde. A rehabilitación da antiga casa do concello e o traslado da biblioteca a este inmoble fíxose durante o mandato de Melchor Roel, quen realizou as xestións necesarias para buscar o financiamento necesario para converter a antiga casa do concello nunha biblioteca moderna, céntrica e funcional, unha gran biblioteca que debemos valorar e disfrutar.