Centenario da Irmandade da Fala mindoniense

Antonio Reigosa

A MARIÑA

En outubro do 1917 constituiuse a irmandade no Salón Teatro do Casino

23 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo a crónica de El Noroeste (26.10.1917) o elocuente discurso pronunciado por Lois Peña Novo en representación da Irmandade da Fala da Coruña, xunto á aplaudida actuación do coro Cántigas da Terra na homenaxe a Pascual Veiga, que tivo lugar en Mondoñedo na mañá do día 23 de outubro de 1917, provocou que se constituíse «con gran entusiasmo» a Irmandade da Fala do Mondoñedo. Tal suceso debeu acontecer o propio día 23 ou o 24 de outubro de 1917. A directiva quedou composta da seguinte maneira: Eduardo Lence Santar e Guitián, concelleiro primeiro, Dodolino Trigo Paz, concelleiro segundo, Antonio Maseda Bouso, secretario, José Mª Rego González, vicesecretario, Jorge González-Redondo e Serrano, tesoureiro, e como vocais José Polo Folgueira, José Ramón López Díaz e Antonio Ferreiro Lamas. Emilio X. Ínsua, en A Nosa Terra é Nosa. A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931 (2016), engade aos nomes xa citados o do mozo Enrique Batán. El Progreso do día 27 remarca a influencia decisiva de Peña Novo, «enxebre e popular galeguista», e engade que a reunión fundacional tivo lugar no Salón Teatro do Casino. Outros xornais informan sobre o asunto en parecidos termos, remarcando que a nova entidade conta con numerosos socios.

Eduardo Lence Santar era cronista oficial e arquiveiro municipal, etnógrafo, poeta e historiador, autor de numerosos artigos e publicacións sobre a historia tanto local como da antiga provincia de Mondoñedo. Dodolino Trigo Paz era agrimensor, fora director de El Reparador, fundador e director de La Voz de Mondoñedo, administrador da Sociedad Electricista Mindoniense e naquel momento membro da corporación municipal. Antonio Maseda Bouso, avogado e licenciado en Filosofía e Letras. Foi rexistrador da propiedade e empresario, presidente da Sociedade de Obreiros Católicos e da Federación de Sindicatos Agrícolas Católicos. Dirixiu as revistas Acción Social e Galicia Social Agraria. Desempeñou cargos de relevo na administración do réxime franquista. José Mª Rego González, industrial, propietario de La Competidora Universal, a canteira de mármore de Sasdónigas. Delegado en Mondoñedo de Mutua Española de Seguros Agropecuarios. Directivo das sociedades deportivas Mondoñedo Foot-Ball Club, creada en 1925, e Mondoñedo F. C. Membro destacado de Unión Patriótica, o partido único de Primo de Rivera, concelleiro e deputado provincial, adxunto na xestora municipal posterior ao golpe de 1936.

Jorge González-Redondo e Serrano, propietario e comerciante. Presidente da Asociación Juventud Tradicionalista en 1912, líder local de Unión Patriótica e director do seu órgano de propaganda, Renovación. Alcalde de Mondoñedo na ditadura de Primo de Rivera e primeiro alcalde de Mondoñedo nomeado pola autoridade militar tras a destitución da corporación republicana en 1936. Tamén foi concelleiro e deputado provincial en diversas etapas. José Polo Folgueira, xastre. Presidente da Asociación Juventud Carlista de Mondoñedo en 1907. Primeiro director de El Cruzado. Foi representante en Mondoñedo a mediados dos anos 20 da sociedade bonaerense Mondoñedo y Distritos e xestor dos fondos que estes enviaron desde a Arxentina para a construción dunhas Escolas Graduadas ou para a colocación das placas nas tumbas de Veiga e Leiras en 1925 e das que se colocaron nas rúas que levan os nomes destes destacados mindonienses en 1930. Concelleiro na década dos 20 e xefe local dos requetés Boinas Rojas entre 1936-1939. José Ramón López Díaz e Antonio Ferreiro Lamas, ambos comerciantes, e Enrique Batán, poeta e prosista do que descoñecemos máis datos biográficos.

Burguesía local

Pode chamar a atención que, a pesar do ideario fundacional das Irmandades en defensa da lingua e da autonomía política de Galicia, aparezan nesta primeira directiva da sección mindoniense nomes destacados das familias da burguesía local, a maioría vinculados ideoloxicamente ao conservadorismo e aos movementos agraristas de adscrición católica. O devir político de moitos destes homes, implicándose activamente nos períodos totalitarios de Primo de Rivera e Franco confirma o antedito. Mais tamén é certo que algúns, en coherencia coas súas conviccións carlistas, propugnaban con certo convencemento a reivindicación dos dereitos históricos e identificadores (forais, territoriais, lingüísticos) dos pobos. Lence, asinante do Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo celebrada en novembro de 1918, usou a lingua galega só para a súas esporádicas creacións poéticas e en artigos de contido etno-folklórico. Batán, poeta e prosista, tamén publicou en galego varios poemas e artigos en

A Nosa Terra

entre 1919 e 1920, e en 1929 en

El Compostelano.

Nun artigo titulado

En Mondoñedo como onde queira

publicado no nº 112 de

A Nosa Terra

di: «Os xornaes

Acción Social

e

Mondoñedo

rifan coa

Voz de Mondoñedo

qu’é un xenio: y-a

Voz

polo seu lado tampouco cala, inda qu’é sola fai ela mas barullo que trinta saca-moas xuntos». Outro mindoniense, Antonio Noriega Varela, residía entón en Trasalba, formou parte do equipo promotor da Irmandade da Fala de Ourense, fundada o 14 de novembro de 1916. Porén, axiña se desmarcou e incluso criticou con dureza a organización á que denominaba “Irmanciños de la Tala” por estar el en contra da estandarización e normativización da lingua que pretendían as Irmandades. A Irmandade da Fala de Mondoñedo non tivo, ou non nos consta, apenas actividade como tal organización. Só Lence, como queda dito, tivo participación nalgún acto. Habería que agardar ata a época da II República para que os mozos Cunqueiro, Jácome, Vidarte, Aguiar e outros, xa desde a órbita do Partido Galeguista, exercesen de meritorios herdeiros dos irmandados en 1917.

*A. Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo.