A escola das San Lucas

Fco Piñeiro CRÓNICAS DAS SAN LUCAS

A MARIÑA

20 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cabalos das San Lucas gardan máis de oitocentos cincuenta anos de tradición. Esta síntese literaria ten mérito e ninguén llo quita pero se botaramos a man ao petate dos recordos sería de obrigada xustiza deixar ben claro que ademais dos cabalos e outras clases de gando nas San Lucas tamén tiveron moita fama os mercados, separados da feira pola liña travesa que vai dende o Cristo dos Remedios ata a Fonte Vella. Precisamente nos arredores da fonte estaba o mercado da herba, os oleiros espallaban os cacharros de barro diante do Seminario, á dereita do mesmo, cebolas e allos, zamelos e zonchos, coellos e polos e tantos outros atendidos por mulleres e nenos; logo, o mercado do trigo aos pés do Cantón Pequeno, e na Praza da Catedral, latoeiros, empanadas, pan, sementes de toxo, de nabo, de xesta… e alí mesmo, cara ao final, foi onde Cristos vendía na leña cando ao seu burro cativo lle apareceran as ganas de festa por debaixo do embigo.

Cristos carrexaba feixes de estelas ás costas desde os montes de Camba, sempre xurando a causa da dor dunha hernia inguinal que cada día ía aumentando. Por iso cando viu na feira ó crego Esquerdeiro vendendo o «Pistolas», un burro enfaixado do que todos dicían que a gordura do amo o tiña rebentado, buscou á présa a Xosé de Caselas para que lle prestara os cartos cos que podería mercalo.

Metidos no trato, entre porfía e porfía, o crego non baixaba a onde Cristos subía e a cada novo intento aumentaba o volume e a gravidade dos xuramentos. Daquela Caselas, sabendo o que había, envíou a un tratante asturiano de fama para que rexistrara o animal e terciara no trato partindo as diferencias. Cada vez que o asturiano apalpaba ao burro coa man por debaixo da barriga exclamaba e dicía:

- «Madre mía, madre mía, esto con fabes y sidrina nun fai falta gasolina!» ó cal o crego respostaba: - «É un regalo. Dá pena vendelo».

- «¡Que pena ni que diablo! ? interviu un tratante zamorano sacando a navalla - «En la feria no se venden animales envueltos en trapos. Si al burro no le quitan la faja yo mismo se la rajo».

Arremuiñose a xente erguendo as varas e as voces tan de repente que o crego sorprendido botouse a andar deixándolle a Cristos nas mans a corda do cabezal, sinal máis que suficiente de que quedaba vendido o animal.

O que ninguén entende é cal foi o motivo para que á media tarde do día seguinte, xusto cando as familias podentes paseaban polo Cantón Grande entre o palique e o alterne, aparecera Cristos cunha carga de leña enriba do «Pistolas», sen faixa e orneando seguido mentres amosaba escandalosamente a flauta ata máis adiante do embigo!

A represión do espectáculo tan indecente para a vista do personal levouna a cabo de inmediato o Cabo da Forza Local quen, baixo a ameaza dun severo castigo, berraba insistemente para que agochase a frauta aquel burro cativo. Cristos, como xa sabía con certeza que na nosa terra por culpa do rabo moitos homes perderan a cabeza, actuou con sabedoría, sereno e sen medo sorprendendo a todo Mondoñedo que desde aquela aumentou a súa fama por todas as feiras de España relatando a destreza dun veciño que contándolle ao seu burro algo no ouvido o animal ao instante reducira o instrumento ao tamaño dun grilo pequerrechiño.

Cantos no mundo permitiron que a xente falara do que eles nunca dixeran e cantos quedan aínda que, de cando en vez, merecían unha trabada pequena na punta da orella para que aprenderan a non estirar a súa fachenda?

Este ano, os cabalos do monte, convencidos de que xa son modelos da televisión, esixen dereitos de imaxe ou do contrario disque ameazan con anotarse na categoría de burros cativos para rendirlle homenaxe ao «Pistolas». Non vos pareza disparate porque a maioría deles, imitando e aprendendo das actuais manifestacións da xente, xa andan ensaiando na grea perturbadoras estrofas de orneo asnal coas que pretenden protestar diante da catedral. ¡» Impetuosa música ascendente que provoca una atronadora revolución celeste», diría Juan Ramón Jiménez. A escola das San Lucas éche do que non hai e non aprende quen a ela non vai!