Tamén en Internet

Fran Bouso O OUTEIRO DE MONDOFORTE

A MARIÑA

15 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o inicio deste verán vimos tratando no Outeiro de Mondoforte cuestións relacionadas co cinema e o audiovisual de Mondoñedo adiantándonos ao recoñecemento que o Grupo fotocinematográfico Fonmiñá fará o vindeiro mes de setembro na XXXIX Semana Internacional do Cine de Autor de Lugo (SICA) ao gran renovador do cine español, o mindoniense Victoriano López García. Aínda quedan asuntos sobre os que escribir nesta travesía que nos levará ata que finalice a estación.

Falamos de Victoriano, o señor do cine; de Zully moreno, a Rita Hayworth arxentina e tamén do seu irmán; de Luís Cayón, que foi guionista, actor e case director; non esquecemos a Cunqueiro nin a Xe Freyre e tampouco aos que hoxe seguen a traballar no audiovisual e teñen o futuro por diante como é o caso de Ruth Chao, Miguel García ou Xián Freire. Ademais dos profesionais, debemos deixar constancia da encomiable labor que realizan algúns mindonienses divulgando vídeos de temática local a través das redes sociais e das diferentes plataformas de internet. Un dos pioneiros foi, o recentemente finado, Jesús Calleja. “Midonium.es ? el portal de todos los mindonienses” e “Mondoñedo.net” son outros exemplos neste sentido. Unha das pezas de temática mindoniense máis vistas nos últimos tempos a través da rede é o videoclip da canción de Carmen R. Lage “Sempre Mondoñedo”.

Pola rede circula o documental “Martín, o home paxaro”, de Inés Uhía no que se recollen imaxes rodadas en Mondoñedo durante a celebración do Campionato de España de voo libre do ano 1979. Ademais das alas delta e os homes paxaro, aparecen planos do val tomados desde o Padornelo e da zona de aterraxe situada nas instalacións deportivas de “Viñas da Veiga”. Nas tomas recoñécense a algúns mindonienses entre os que está Carlos Folgueira, “O Rei das Tartas”, un popular reposteiro que ten sido convidado a moitos programas de televisión, entre os máis destacados está o “Un, dos, tres”.

Parece interesante o convenio asinado entre a Universidad a Distancia de Madrid e a Rey Juan Carlos co concello de Mondoñedo mediante o cal promoven o grupo de investigación “Proxecto Retinae” a través do cal pretenden investigar as posibilidades das novas tecnoloxías audiovisuais como a imaxe en 360º, a realidade aumentada ou a virtual misturado todo isto coas posibilidades que ofrecen os avións non tripulados coa finalidade de crear produtos audiovisuais e multimedia que sirvan para a promoción da localidade.

A primeira retransmisión vía streaming realizada desde Mondoñedo tivo lugar o 15 de marzo de 2014 con motivo da XXV concentración mototurística “Ruta N-634” a través da desaparecida páxina web www.motomondonedo.com.