A única galega que compite con flores

Yolanda García Ramos
yolanda garcía MONDOÑEDO / LA VOZ

A MARIÑA

Hoxe coñeceranse os gañadores do campionato no que ela compite, en Floristería

04 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esforzo, concentración, competitividade, destreza, imaxinación, creatividade... Esas cualidades e máis, no seu máximo grao, son imprescindibles estes días en Soraia Barbosa Oliveira (Portugal, 1997), alumna do IES San Rosendo de Mondoñedo, que o dá todo no Spainskills, as Olimpíadas da Formación Profesional en Madrid que hoxe rematan, xa sen probas pero si sabéndose se gañou na súa modalidade que é a de Floristería, onde é a única representante galega, dentro do apartado de Artes Creativas. Falamos con ela tralo intenso segundo día de competición. Quedaba un, o de onte, por celebrarse. Anda nese intre de compras en Primark coa profesora que a acompaña, aproveitando o pouquiño rato libre que lle queda na xornada.

-Que traballos fixo xa?

-O primeiro día tocou facer un vestido (estilo libre) e no segundo un ramo en xarrón estilo barroco. Podemos elixir a flor.

-E cales escolleu?

-Para o ramo anthurium, antirrhinum, crisantemo verde, eucalipto...

-Eucalipto? Moi da Mariña!

-Tamén rosa vermella, branca e cimbidium. No caso do vestido, a parte de arriba fíxena con margarita e a de abaixo con aspidistra, pétalos de rosa e cimbidum.

-E canto tempo tiñan para facelo?

-De 9.30 a 13.00 e de 15.30 a 18.30.

-Xa tiña idea previa do que quería facer ou foi en plan sorpresa?

-Chegamos e dixéronnos que flor tiñamos, repartímolas e ao día seguinte nos dixeron, por exemplo, de facer o vestido, o que ías a utilizar. Foi coller o material e empezar a facer. Tiñamos que facer un bocexo tamén antes de empezar a traballar coa flor.

-Vese ben na competición?

-Si, eu estou contenta.

-A profesora que a acompaña, Yolanda, cre que é das mellores que está a competir. Vostede tamén pensa así?

-A ver se hai sorte!

-Tamén nos comentou que están incomunicados totalmente mentres traballan.

-Estamos nun stand, ninguén pode ver aos demais facer o que están facendo, nin nos deixan ter os móbiles con nós, nin á saída a mediodía para comer. Deixámolos e cando acabamos podemos collelos.

-Moi boa maneira de desconectar pero botarao de menos.

-Si, a verdade...

-Sente moita presión?

-A xente agóbiame bastante. Non é que haxa pouca... Vén xente doutros institutos, miran, sacan fotos, comentan... Entre nós os que competimos si que o levamos bastante ben. En Floristería compito con outros rapaces de Madrid, Navarra, Murcia e Cantabria.

-Que tal cos compañeiros rivais?

-Son moi simpáticos, amables e educados... Moi ben!

-É a única galega na sección de Floristería, verdade?

-Si, nela eu represento a Galicia.

-Canto tempo leva cursando no IES San Rosendo de Mondoñedo?

-No instituto levo cinco anos e facendo Floristería dous anos. Bueno, máis ben un porque o ano pasado era máis de xardín e plantar.

-Como se decantou por aprender o oficio da arte floral?

-Vaite sorprender pero a verdade é que non tiña pensado facer Floristería. Ao primeiro pensei que era todo sachar. Pero vin que era unha saída para obter o título da ESO.

-Alguén da súa familia se dedica ao mundo do arte floral?

-Non, de feito non hai ningún xardineiro nin florista na familia.

-Veo xa como un futuro laboral?

-Eu creo que si.

-Se gañase, que vai pasar?

-Hai tres premios: ouro, prata e bronce. Se gañas, podes chegar a ir ao Worldskills [os mundiais], e ir a Abu Dabi e Budapest.

-Mire que nos pode poñer moi alto o pavillón de Mondoñedo...

-Si, xa me podían facer unha estatua se chego aló...

-Coma Cunqueiro...

-(Ri).

-Nunca se sabe, pero ao mellor nos vén cun ouro para a casa. Que sentiría se iso ocorre?

-Primeiro, non mo crería porque é algo inalcanzable.

-Imaxino que estará a recibir unha morea de apoios, da familia, do instituto, dos mindonienses.

-Si, a tope, ata no Facebook.

-Cal é a súa flor favorita?

-A gloriosa.

-Como cre que debe ser alguén que se dedique ao arte floral?

-Primeiro, que lle guste e segundo ser tranquilo. Non sei... ser sensible si, é imprescindible.

-Pois moita sorte Soraia.

-Grazas!

os seus traballos

As probas que tivo que facer Soraia Barbosa no Spainskills foron a creación dun xarrón de estilo barroco acompañando un proxecto de vestido floral de estilo libre co tema «Vestidos de hadas» e un ramo de man.