«Agora, a raíña do xardín é a camelia»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

xaime f. ramallal

A partir do 20 abrirá o botánico do Espazo Caritel a visitas diarias para velas en flor

19 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Están empezando a florecer, xa hai un montón delas». Daniel Caxigueiro fala dende o seu fogar, o querido e modelado, coma se outra escultura do xenial artista se tratase, Espazo Caritel en San Martiño (Foz). Alude ás camelias, que nesta época do ano fan brillar o seu fermoso xardín botánico. A partir do día 20, ata finais de marzo, abrirá as súas portas a todos os que queiran admirar o espectáculo floral sen igual.

-Non será dos que lle fala ás plantas e ás flores, non?

-Non, de momento non chego a tanto. Pero chegará, chegará...

-Ao seu xardín, creo, hai que sacarlle o sombreiro. Adoita e gústalle presumir del?

-Prefiro que a xente o vexa e opine. O Espazo Caritel é un diálogo entre a arte e a natureza. Agora é momento de gozar da camelia porque é cando florece. Hai un cento de variedades diferentes e entre febreiro e marzo empezan a coincidir máis abertas. É todo un espectáculo para o que lle gusten as flores e unha posibilidade de descubrir unha planta realmente fermosa. En xeneral coñécense unha decena ou ducia de variedades pero aquí hai unha boa posibilidade de gozar de variedades non frecuentes. Hainas que recordan rosas, dalias, caraveis... A maioría delas proceden de Oriente: Xapón, China ou Taiwan. É súa orixe. Tamén, ultimamente, hai híbridos que proceden de lugares moi dispares.

-Que bonito ir velas a Xapón!

-Xa me gustaría ir. Se hai un viaxe que teño na mente é ao xardín de Kioto. Máis ben a todo Xapón.

-Pertence a algún grupo de Facebook de afeccionados ao cultivo da camelia?

-Estou en varios. Hai un que se acaba de crear a nivel ibérico, de España e Portugal, onde hai moitísima afección aos xardíns.

-Que mimos pide a camelia?

-Neste clima necesita poucos coidados. Non é unha planta que teña especiais problemas. Tardan máis en enraizar aquí que no sur pero cando enraízan non teñen maior problema. Nos xardíns do Pazo de Oca e Ribadumia están as máis vellas de Europa. Son dous moi recomendables.

-Entre tantas camelias, ten algunha ou varias favoritas?

-Hai tantísimas e tan fermosas que é difícil decidirse por unha. Pero o feito de ulir, nelas é unha rareza e a esas... si, é coma se eu lles tivera máis querer. Teño seis que olen e non son frecuentes.

-De onde lle veu esta paixón?

-A min, que me gustaban xa as flores e as árbores, onde me espertou mais paixón a camelia foi a flor. Empezamos a coleccionar camelias porque á miña compañeira, que se chama Flora, lle gustan. E empezamos a plantar árbores a raíz do nacemento da nosa filla. Todo iso un pouco te obriga a coñecer invernadoiros. É unha adición coma outra calquera pero moi sá. A raíña agora do meu xardín é a camelia.

Caxigueiro lembra que no Espazo Caritel tamén ten aberta unha sala de exposicións.