Ve ao seu equipo «tocado moralmente» logo de seis derrotas seguidas e cualifica de «clave» o partido do domingo en Betanzos
26 ene 2017 . Actualizado a las 12:21 h.O Celtas-CCA Foz volveu a desaproveitar outra boa oportunidade para poñerlle freo á súa xeira de derrotas e rematar ca súa crise. O Compañía de María santiagués asaltou Marzán deixando en evidencia os problemas dun conxunto mariñán ao que lle falta sorte, confianza e que comeza a facer números para a fase pola permanencia na Segunda División autonómica, segundo recoñece o seu adestrador, Darío Romero.
-Trasládolle a pregunta que está na rúa. ¿Que lle pasa ao Celtas?
-Estamos acusando a falta de adestramento. Cando non traballas o suficiente é máis difícil gañar, e cando non gañas a moral vense abaixo... Pasamos por un momento moi delicado de autoestima que fai que baixemos os brazos en canto o rival se pon por diante no marcador.
-¿Contaba con isto?
-A estas alturas de competición contaba con levar máis vitorias, pero tampouco me sorprende demasiado porque este equipo non é o da tempada pasada. Perdemos calidade. Ángel Cao, Alberto e Johany eran tres homes fundamentais que aportaban moitísimo en todas as facetas.
-¿De cal das seis derrotas seguidas saíu máis cabreado?
-Cando fomos a Lugo e a Pontedeume baixamos os brazos xa no segundo cuarto, demasiado rápido, e iso non pode ser. Temos que corrixir iso como sexa e canto antes. Deses partidos saín bastante cabreado, pero o que máis doe é perder na casa. A afección de Marzán merece moitas máis alegrías das que lle estamos dando.
-Este ano terán que loitar pola permanencia.
-Desde o comezo da tempada tiñamos claro que este ano sería complicado rematar entre os catro primeiros e loitar polo ascenso como o ano pasado, así que estamos mentalizados e preparados para o que vén.
-O domingo visitan ao Santo Domingo-Betanzos B, colista do grupo que conta todos os seus partidos por derrotas.
-É un partido clave. Necesitamos gañar si ou si para polo menos deixar a un equipo por detrás e recuperar folgos para os últimos encontros desta primeira fase, que serán moi complicados.
-Un deles será o derbi ante o Carferlo en Viveiro, que parece que acabará líder .
-O Viveiro leva dous anos sendo o mellor equipo da categoría e na pelexa polo ascenso volverá a ser un dos grandes favoritos. Non sei o nivel de adestramentos que están levando a cabo, pero creo que este ano lle custará un pouco máis que o pasado.