Coroas e restroballos

Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Ribadeo

A MARIÑA

Nun xornal de amplo espectro ?se nos permiten a licenza--, da vila e Corte, apareceu un artículo sobre o que o autor denomina a arquitectura como coroa, e que se refere a unha tendencia no deseño de construcións erguidas enriba de inmobles existentes, citando como exemplo a nova sé da Filarmónica de Hamburgo, de Herzog&de Meuron, un grupo suizo de arquitectos moi famoso por seren os autores da Tate Modern de Londres, que orixinalmente fora unha central eléctrica, e habilitouse para galeria de arte. Hoxe é uha das máis relevantes atraccións da capital británica, pola sua orixinalidade e innovación. É certo que este tipo de proxectos deron lugar, nalgunhas cidades europeas, a dilatadas polémicas e tirapuxas de todo tipo.

Coa dotación dunha lente de aumento e a afouteza do entomólogo, non demos procurado exemplo algún, nen sobranceiro nen eslamiado, na nosa vila, contorna e arredores. Si son abondosos os casos de rehabilitación, ou de aproveitamente dos contedores construídos para usos, nalgúns casos, alleos aos orixinarrios.

Na localidade, hai exemplos singulares, como é o Centro de Día que foi construído para matadoiro a comezos do século XX e, sen saírmonos do mesmo eido, o vello macelo da rúa dos Fornos, hoxe local cultural de usos múltiples, e ainda que foi unha adaptación cuestionable, o certo é que se trata dunha fábrica de reducidas dimensións.

 

Fundación Clemente Martínez Pasarón

Pero se facemos un sumario resumo nesta caste de asuntos, o que máis abonda son os derrubamentos e, onde non, as deturpacións. De ambos estratos, contamos con verdadeiros modelos arquetípicos, aparte das aproximacións, que conforman unha farturenta colleita. Mais, por vía de exemplo, vaiamos aos paradigmas das duas categorias citadas.

A finais dos anos oitenta do pasado século, ao abeiro dun eventual ben social, o correspondente negociado da administración autonómica, procedeu a arrasar o fermoso edificio onde a Fundación Clemente Martínez Pasarón ubicara un colexio nos primeiros anos do século XX, rexido inicialmente polos padres agostiños e logo polos escolapios e, xa moi recentemente, sé dunha empresa de transporte de viaxeiros; e por sermos exhaustivos, nos anos da posguerra posible ubicacióm para o Instituto Laboral, desbotada definitivamente en 1955.

O estrago perpetrouse con nocturnidade e aleivosía, no seu sentido estrictamente literal.

 

Modificacións

En canto ás modificacións deformes ou corruptas, do ponto de vista estético, pois a iso aludimos antes co termo deturpación, acompañamos como ilustración a Casa do Patín, que ao decir do profesor Fernando López Alsina, é (era) “o edificio privado máis antigo de Ribadeo”, para que se compare co actual e serva de “verbi gratia”. Aclaremos que patín é o relanzo do último degrau dunha escada, e non só o diminutivo de patio no galego oriental, como houbo quen pensou e escrebeu. Ulo?