Adeus Nadal

Suso Fernández, Cronista Oficial de Foz

A MARIÑA

No espiral do tempo, a tradición segue marcando ciclos, celebrados con festas que tiveron unha orixe agraria. O Nadal é festa estacional de inverno; tempo de neves que pecha e abre o novo renacer.O ciclo, ise milagre que supón a vida-morte-vida; o paso polas catro estacións do ano foi sempre celebrado con fitos que son festas: a Igrexa acolleo e protagonizou a significación destas mais antigas que comprenden de Noiteboa a Reis, o tempo de Nadal, tan cargado de senso relixoso, onde se celebra sobre todo o Nacemento e a Familia. Ese sentir espallouse pola cristiandade e pecha e abre o ciclo anual do almanaque: Noiteboa, Nadal, Santos Inocentes, San Silvestre, Aninovo e Reis.. Remata o ciclo coa festa dos Reis Magos, xornada de reunión familiar, de intercambio de regalos: o xantar e a cea convocará a todos arredor da mesa; a despedida do Nadal.

Existe a tradición de que pola noite chegan os Reis con agasallos; acéndese a ilusión dos nenos e a cabalgata protagoniza a noite máxica da chegada das Súas Maxestades. A primeira celebrouse en Foz en 1959, hai pretiño de 60 anos. Daquela os Reis arribaron á nosa vila procedentes de Ribadeo; aquí non contabamos cos atavíos reais, e despois de percorrer as rúas ribadense desprazáronse a Foz; onde sairon do garaxe de Transportes Galaicos rematando no bar Náutico, onde hoxe se atopa a cafetería dos xubilados. A parte musical do desfile correra a cargo da histórica rondalla O Pallarego; aquel personaxe singular, barbeiro e músico, que da nome á escola de música mindoniense, en cuxa agrupación tocaba o violín un focego: Chicho de Botes, á sazón empregado do Banco da Coruña, na sucursal da cidade episcopal. A novidade que a cabalgata espertou tal expectación que fixo que todo o pobo saíse á rúa para vivir tan ilusionante espectáculo, e as SS.MM., montando briosos corceles: os cabalos de Culata, Rascabolsas e o Fero, foron seguidos pola longa riola de rapaces e adulto, pechando a caravanas automovilista da vila formada por ¡media ducia de unidades…!!