Cantará «Virgen Marinera» e temas do seu último cedé no Carme de Ribadeo
21 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Unha entrevista con José Pulpeiro «O Gallopín» (Ribadeo, 1934) ten case sempre unha parte previsible. Ao outro lado da liña telefónica nun momento da conversa arrincará a cantar, con paixón, emoción e sentimento evocando a Jorge Negrete ou a Antonio Machín, dos que é fan fan.
-¿Como vai, José?
-Mellorei un pouco. Agora que o verán e o sol dan vitaminas...
-E tamén actuacións, coma a que fará nas Festas do Carme.
-A Festa do Carme de Ribadeo faise ou antes ou despois do 16 de xullo. Nesta ocasión Cándido García propúxome amenizar a sesión vermú. Temos confianza. Ata fixen un artigo para o libro das festas poñendo unha canción que lle dedico aos mariñeiros de aquí e ás xentes do mar en xeneral e quere que a cante. Interpretarei catro cancións do meu último disco 16 Canciones Diversas: Intruso Corazón, Estoy pensando en ti, Deuda de Antonio Machín e Virgen Marinera.
-Especialmente cando canta esta última, coa carga emotiva que representa para os mariñeiros, ¿que sinte en especial?
-Emoción e moito cariño a eles. E devoción. En tempos anteriores a estes (poucos menos anos tiña, 19, xa que agora teño dous corentas máis un) empezamos a cantala e por tal razón sempre me emociona dedicada a Ribadeo e en xeneral á nosa costa. Ilusióname. Non só polos mariñeiros, tamén por aquí pasan moitos iates. Pretendo que a xente o pasen ben e goce da canción porque ten partes que nomea a Ribadeo.
-¿Celebra estas festas ou máis as de setembro, as patronais?
-Na miña casa celébrase máis a festa patronal, a do Campo, a patroa, pero nos tempos de hoxe cómese ben e igual imos a un restaurante bueno da dársena.
-Cando está nesas citas familiares ou entre amigos, ¿pídenlle máis que cante ou que descanse?
-A min pídenme cantar, como fixeron nun especial de seis cancións para o Ribadeo Indiano. Levo cantado moito. Pero a verdade é que se agora me piden cantar eu digo a veces ‘pon o meu cedé’.
-¿Como está a súa garganta?
-Cando tiña só un 40 tiña bastante afonía. Cantaba dúas cancións e forzando e sempre afónico. A partir dos 40 fóiseme poñendo ben e agora é formidable. Teño unha voz potente para todo. Non hai solista ou cantante que teña a voz que teño eu [sorrí]. Todo é cuestión de practicar, como cando se pilla pico e pala.
-¡Que ben se conserva!
-Na miña familia foron moitos centenarios, así que vou ter que estar preparado para os 120. Agora estaría na metade da vida.
-¿Un novo disco en camiño?
-Pois xa temos 25 cancións seleccionadas. Ata dentro de cinco meses non sairía. O ano que vén imos facer un especial.
-Coa venta dos seus discos tamén axuda a entidades.
-Si. Dos 10 euros que custa 7 son de axuda para a gravación e os outros 3 para a Asociación de Loita Contra o Cancro. Foi cousa do meu profesor Josito a idea de axudar a unha entidade.
E antes de rematar a conversa, como non podía ser doutra maneira, José Pulpeiro canta no medio do bar onde atende a chamada: “Que te importaaaa....”