O técnico burelista, Lucas, confesa a súa intención de seguir no Burela e cre que se ficharán «boas xogadoras»
17 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Todo apunta a que o tándem que levou ao Burela-Pescados Rubén aos títulos de Liga e Supercopa e ao flamante subcampionato de Copa en Alcorcón vai aceptar o reto de volver ter entre os mellores a un equipo no que se prevén moitos trocos. A Iván Cao, Lucas (Cangas de Foz, 1982), e Julio Delgado non lles falta «ilusión» confesa o focego, un home da casa que liderou o rexurdir das guerreiras laranxas.
-Foi unha decepción quedarse sen Copa?
-Non unha decepción, pero si deixou un sabor agridoce porque o tivemos moi preto. Hai que quedarse co bo traballo de todo o curso, da Liga, da Copa e tamén deste último partido contra o Futsi, no que merecemos o título tanto coma elas.
-Enfrontáronse cinco veces este ano ao Atlético e non perderon un só partido...
-Iso demostra o crecemento do equipo, o que creu nas súas posibilidades e o bo traballo que se fixo.
-Fallaron os tres penaltis da tanda. Demasiada presión?
-Eu creo que foi algo casual. María de Val parou os tres, estivo sensacional. Tiveron un chisco máis de fortuna.
-Tíñanos ensaiados?
-Non. As xogadoras pola súa conta ás veces si que os proban, pero un penalti non ten nada que ensaiar. É chegar, tiralo e que haxa a sorte de que vaia dentro.
-Con 2-4 viu o título no peto?
-Feito non, pero vino preto porque o equipo estaba moi sólido. Na segunda parte domináronnos, pero non eran quen de facer ocasións moi claras.
-E, téndoo controlado, que fallou?
-Foi un minuto fatídico o dos dous goles. E faltaron forzas, o equipo acabou moi castigado. A lesión de Claudia deixounos cunha rotación menos e pagámolo.
-Tería firmado facer esta campaña en setembro?
-Por suposto. Foi unha temporada non de 10, pero si de 9,5. Faltou a Copa pero conseguimos a Liga e a Supercopa.
-Pero agardaba algo así?
-Neste ano e medio que levamos traballando aquí o equipo madurou moitísimo. Agora somos mellores como equipo táctica e mentalmente. Estamos máis unidos, somos máis fortes. En cada obstáculo demos un paso adiante.
-Coas baixas que se agardan, ve posible manter o nivel do equipo?
-Vai ser complicado ter un grupo tan forte e unido. Para iso imos precisar paciencia. De que virán boas xogadoras non me cabe dúbida, quizais non como as que se van, pero si capacitadas para loitar por todo.
-Hai un ruxe ruxe pola vila en torno á fin desta época gloriosa...
-En setembro non imos ser tan sólidos como agora, pero con tempo e traballo estaremos entre os mellores. Hai xogadoras en España que podemos fichar e axudarnos a seguir sendo moi fortes.
-Polas súas palabras, intúo que vostede e Julio Delgado seguirán.
-Estamos falándoo. Ilusión non nos falta.
-Quererán manter boa parte do plantel...
-Todas non vai poder ser. Pero oxalá que sexan as máis posibles. Xa saben como traballamos e iso é unha vantaxe.