«O límite é a cabeza, a imaxinación»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA MONDOÑEDO/LA VOZ

A MARIÑA

Ensina en Mondoñedo o seu oficio a alumnos que se anotaron no curso de iniciación

13 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A directora de Comercio Sol Vázquez facía onte pola tarde unha visita ao curso de iniciación á olería que imparte a alfareira Chus Lage (Lugo, 1963) dende o seu obradoiro no barrio dos Muíños de Mondoñedo. A formación na artesanía está promovida pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

-¿Canto tempo leva xa da súa vida traballando nisto?

-Debe facer 30 anos. Empecei no 86... unha cousa así. O bonito do oficio é que sempre podes aprender máis cousas. O límite é a cabeza, a imaxinación. Cada vez que te enfrentas a unha peza encontras un problema pero dese problema aprendes.

-¿Como ve o oficio na Mariña e que pretende aportar o curso?

-Creo que está algo límite nesta zona. Poucos quedan dedicándose profesionalmente. É necesario que a xente coñeza, aprenda e canta máis haxa, algún ao que lle guste, siga e que non se perda. A idea é que cantos máis alfareiros consigamos mellor porque é un atractivo para toda a zona. É máis vistoso vir ver dez que un. Neste curso ensino o tradicional, as formas, e aínda que todo o mundo fagamos as mesmas cousas, cada artista dálle o seu toque. Vése cada maneira de ser.

-¿Que ánimo percibe á hora de traballar dos seus alumnos?

-Vexo moitas ganas. De feito, para o curso tiñamos un máximo de 8 prazas e temos 9 apuntados. Hai máis mulleres que homes e, en idade, a maioría son novos.

-¿Cando rematan as clases?

-O 26 de febrero. Son dous meses, 93 horas. É intensivo, diso se trata, para tratar de coller habilidade. A intención é seguir con máis cursos para acabar de formarse porque en dous meses aínda non se colle a habilidade suficiente para levar o traballo adiante; si colles os principios.

-¿Como foi o seu primeiro contacto co mundo da olería?

-Coñecina cando vin vivir a Mondoñedo con 20 ou 23 anos. A través da súa filla, coñecín a Patrulla, que foi o que me ensinou. Víao traballar e un día pregunteille... ¿podo probar? Probei. Viña co meu neno e poñíame na roda. Así dez anos. Non tiña traballo daquela e gustoume. De feito, co primeiro soldo merquei un torno eléctrico e fixen un apartado na cociña da casa.

-¿Como é traballar na «pequena Venecia mindoniense» xunto a outros artesáns máis?

-Ben. O entorno é precioso. Temos un xardín e o río que pasa pola ponte principal. Onde estou eu era precisamente un antigo taller de alfarería.

-¿Pensa que a nivel turístico debería potenciarse máis o barrio dos Muíños de Mondoñedo?

-A promoción é necesaria para todos. Hai que aproveitar todos os recursos que teñamos.

«A promoción é necesaria para todos. Hai que aproveitar todos os recursos»