«A xente da Mariña é como se tivese un alento especial e unha conciencia máis activa», di o candidato
12 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Chairego de nacemento, Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958), escritor recoñecido e agora candidato, percorre a provincia escoitando ao cidadán e dando conta do programa e da fortaleza que quere transmitir En Marea a cada lugués, ben sexa do Courel ou resida na Mariña. O cabeza de lista de En Marea ao Congreso por Lugo non pasa por alto o peso dun sector como o pesqueiro e reivindica mellores comunicacións terrestres e ferroviarias, especialmente o prometido corredor para Viveiro e para A Mariña, de xeito que una á modernidade a toda a costa norte galega.
-Xa estivo en Burela e hoxe volverá a Viveiro, ¿como foi o primeiro recibimento na Mariña?
-O mitin de Burela era importante porque era o cuarto e a campaña vai en progresión. Houbo unha gran receptividade da xente. Ademáis, a xente da Mariña é como se tivese un alento especial e unha conciencia moito máis activa.
-¿Por que elixiron Viveiro para o acto de hoxe?
-O acto en Viveiro é fundamental, pola importancia que ten Viveiro na provincia e pola importancia do porto de Celeiro, dos máis importantes do Cantábrico co de Burela... En Marea pensamos que hai certas eivas que forman un paquete, un nó, que debera ser contemplado para levar a cabo unha acción estrutural no que afecta a este porto e á súa capacidade, tamén no ámbito comercial. Lugo debera ter unha autoridade portuaria propia. E isto unido á reivindicación de mellorar as vías de comunicación; fundamental. Para Viveiro, polo seu enclave natural, paisaxístico, como cidade turística da provincia, as comunicacións son o futuro para explotar un modelo de turismo de calidade que non só se centre nos meses de verán. Insisto, reclamaremos ese prometido corredor ou vía rápida. E cremos tamén que hai que explorar outras fórmulas. En Marea pensamos que hai que favorecer á hostalería de Viveiro, ao sector servizos, ao comercio, sectores imprescindíbeis que dán pulo ás cidades... O mitin de hoxe en Viveiro coa presenza de Xosé Manuel Beiras vai ser moi importante. Viveiro é unha cidade tamén cunha gran tradición no plano político. En Marea, unha unidade de forzas políticas que pretenden poñer en primeiro plano que a xente sexa protagonista dun cambio político, cremos que Viveiro ten que formar parte das grandes Mareas, como xurdiu en Ferrol, na Coruña... Nós queremos animar á xente máis activa a querer asomarse a esta gran Marea Galega que vai obter grupo parlamentario propio en Madrid. Porque A Mariña lucense ten múltiples posibilidades e queremos que a súa xente se vexa representada con nós en Madrid.
miguel anxo fernán vello cabeza de lista de en marea ao congreso pola provincia
Beiras arroupa esta tarde a En Marea
En Marea programou hoxe outro novo mitin na comarca. A cita será ás 20.00 horas no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Está prevista a intervención de Miguel Anxo Fernán Vello, José Manuel Perez Afonso, Xosé Manuel Beiras, Lidia Senra e Sol González-Ruíz Carcur.