Na memoria de José Sánchez Gacio


Recordo a súa figura de home paseante, maior, sempre na compaña da súa filla máis nova. Nada sabiamos entón do seu pasado, nin sequera que era o pai da nosa profesora de francés, Talía. Neste novembro de 2015 vanse cumprir 35 anos da morte dun dos políticos mindonienses máis activos durante a II República. Chamábase José Sánchez Gacio e nacera en 1898. Era fillo de Constantino Sánchez Graña, secretario do concello uns 30 anos, funcionario que acabou sendo destituído en 1923 e deportado á Fonsagrada por orde do Ministerio de Gobernación.

Estudou o bacharelato en Lugo e dereito en Compostela. Foi elixido en 1931concelleiro en Mondoñedo na candidatura da ORGA. En outubro de 1934 foi cesado como concelleiro, consecuencias da «outubrada de Asturias», e reposto en xaneiro de 1936, foi presidente da Deputación de Lugo desde o 4 de agosto de 1932 ata comezos de febreiro de 1934; xa ao final do seu mandato, o 10 de xaneiro de 1934, participa na inauguración oficial do Museo Provincial de Lugo. Foi tamén Gobernador Civil da provincia da Coruña desde o 26 de febreiro ata o 10 de abril de 1936, e presidente do casino mindoniense. En xuño de 1936 era deputado provincial en representación de Izquierda Republicana, e vicepresidente do comité local Pro-Autonomía, con J. Ramón Villamarín Pallín de presidente, entón alcalde, Guillermo Otero Villaba, José Díaz Jácome, Bernardino Vidarte, Germán Fanego, Patricio Vijande e Graciano Leivas.

Sánchez Gacio foi detido en Mondoñedo en agosto de 1936 e trasladado a Lugo xunto a G. Otero Villaba, Patricio Vijande, Cándido Carreiras, Alfredo Martínez e J. Ramón Villamarín Pallín. Nesas datas foron detidos outros en Mondoñedo, entre eles o seu irmán «Tatino». Nove deles, con Sánchez Gacio, foron xulgados en Consello de Guerra na Coruña o 10 de abril de 1937, acusados de auxilio á rebelión. J. Ramón Villamarín, alcalde ata xullo de 1936 e perito agrícola, G. Otero Villalba, avogado; A. Martínez Martínez, delegado do Socorro Rojo Internacional; P.Vijande Villar, comerciante e concelleiro; G. Leivas Freire, secretario da UGT; C. Sánchez Gacio, irmán de José, E. González Valoría, tenente de alcalde e veterinario, e G. Fanego Salaverri, médico e presidente de Izquierda Republicana.

José foi condenado a pena de morte, sentenza conmutada pola de cadea perpetua. Logo foi deportado a Zamora. É moi recomendable a lectura de «Consejo de Guerra por Rebelión Militar. Mindonienses condenados en 1937» de Ricardo Pedreira.

Sánchez Gacio morre en Mondoñedo o 23 de novembro de 1980 con 82 anos. Na esquela que publica «Hoja del Lunes» de A Coruña dise que deixa viúva, Alicia Gómez Real, e dúas fillas, Talía e Silvia, ademais de catro irmáns. Casualmente, o xornal faise eco na mesma páxina da gran manifestación que tivera lugar na Praza de Oriente de Madrid na véspera cun millón de persoas, convocadas, entre outros por Blas Piñar e Girón de Velasco. Conmemoraban o cabodano das mortes de J. Antonio Primo de Rivera e de Francisco Franco A forza do fascismo resistente aínda era impresionante.

Antonio Reigosa é o Cronista Oficial de Mondoñedo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Na memoria de José Sánchez Gacio