Sona Burela, sona Osa do Mar

LAURA R. CUBA, J. A.. BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

A Marosa convertiuse na capital da cultura urbana

06 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A mañá non tiña ningunha nube. Facía sol a rabiar. A Sesión Bearmú do Osa do Mar de Burela, que ofrecía concertos gratuitos en catro terrazas da vila, comezou na Praza da Mariña coa actuación de The Lost Omelette Makers fronte ao bar Boas Migas. Tras eles tocaron Alex Casanova, True Mountains e The Blind Crows no Traste, na cervexería Kiko e no Hotel Nordés, respectivamente. Tras unha intensa noite previa, a resaca non impediu que decenas de persoas saísen e disfrutasen dese intenso mediodía de concertos en formato acústico que se alongou ata preto das 16 horas.

Pola tarde, a Marosa convertiuse na capital da cultura urbana cos campionatos de BMX, skate, patins e longboard. Os máis cativos puideron gozar tamén de varios obradoiros e manualidades. Ás cinco da tarde, Batuko Tabanka encheu o paseo cos seus ritmos africanos. «É un pracer actuar despois destas cracks, teñen un flow incrible», declaraba ao público a cantante de Bala ao inicio do seu concerto, que seguiu ao da formación caboverdiana. O escenario, ubicado ao final do paseo marítimo da Marosa, ofrecía un marco incomparable para unha boa sesión de música.

Por outra banda, a Osa do Mar, a mascota do festival, movíase imparable entre a xente. «Ou Osa do Bar, tamén, anda sempre pegadiña á barra», escoitábase bromear a algunhas persoas.

O vento petaba ben forte contra a costa burelá onte. Arredor das 20 horas, Sofá Ambulante, gañador do certame de bandas Castelo Music, pechaba o día e abría a última noite de concertos no recinto do festival Osa do Mar. Quedaba unha longa noite.