Meu pai nacera en Cervo/pero quería a Burela, pois dende os catorce anos/ veu traballar nela. Viña andando dende Cervo/para traballar na serra/ata que Arcadio Pardiñas/lle deu unha bicicleta. Tamén traballou con Mon/na rúa Eijo Garay/poñendo nas tuberías/que por debaixo aínda hai. E máis tarde namorouse/de miña nai en Burela/e dende ese momento/foi para sempre a súa terra. Aínda que quería a Cervo/tamén quería a Burela/e onde queira que fose/falaba sempre ben dela.
Meu pai era un home bo/honrado e traballador/namorado da súa Otilia/ toda a vida, si señor. Julio xa non está connosco/xa morreu hai máis dun ano/e cada vez que lembro/aínda me fai moito dano. ¡Ai canto o voto de menos/xa non o podo abrazar/bailar con el pasodobres/e sacalo a pasear! Agora teño a miña nai/que vai perdendo a memoria/xa non vos pode escribir/contarvos as súas historias. Mais lémbrase do meu pai/ o seu Julio está ausente/ xa non lle pode dar bicos/e dicirlle canto o quere. Otilia non me coñece/olvídase de nosoutros/¡maldita enfermidade/que a deixa sen recordos! Por iso escribo eu hoxe/para falar de Burela/ que como tódolos anos/vai celebrar as súas festas. Festa do Carme e San Xoán/as primeiras da comarca/festas que teñen a fama/de ser boas e soadas. Vanse os homes para o mar/para pescar ó bonito/botarán fóra uns meses/e temos que despedilos. E qué mellor despedida/que facerlles unha festa/pois coa bendición da Virxe/sairán para a costeira. Que todo lles vaia ben/que volten á casa salvos/pídolle á Virxe do Carme/que os protexa co seu manto. Que teñan boa costeira/e que gañen moitos cartos/para manter as familias/para seguir cos seus barcos.
Burela é merecedora/de boas festas celebrar/é xente traballadora/ten dereito a disfrutar. Eu desexo para o meu pobo/do mundo, todo o mellor/pois é un pobo solidario/de todos acolledor. Aquí veñen doutras terras/para poder traballar/deixan os seus paises/pois desexan prosperar. E en Burela recibímolos/cos brazos sempre abertos/agora xan son burelenses/e aquí están contentos. Moitos xa se quedarán/para sempre en Burela/terán aquí os seus fillos/botarán raíces nela. A tódolos burelenses/nacidos aquí ou non/deséxolles boas festas/con todo o meu corazón. Disfrutade todos delas/pasádeo todos moi ben/e a xente que nos visite/»Que as disfrute tamén».
(A meus pais Julio e Otilia adico hoxe estes versos, desde aquí quero dicirlles o moitiño que os quero).