Polas persoas sen recursos

MARÍA JOSÉ CUPEIRO FERNÁNDEZ

A MARIÑA

Rajoy, Feijoo, Beatriz Mato están facendo desaparecer a Lei da Dependencia aprobada no ano 2006. Constantemente están sacando decretos, leis, ordes... e cada vez que sacan algo é para rebaixar prestacións, servizos... Dende hai anos, os expedientes abertos están parados nos caixóns e coa desculpa de que non hai cartos, non se valoran os dependentes e, no caso de valorarse, logo non se lles remite o PIA (Plan de Coidados). Neste momento os poucos que teñen PIA están a recibir cartas onde lles din que a súa prestación vai a ser modificada. A señora Beatriz Mato dinos que os coidados no entorno familiar son «paguitas» e que quere dar servizos de calidade. ¿Como pensa facelo? Prazas en residencias públicas non as hai, pero supoño que lle interesa mandar ás persoas a residencias privadas, co cal o custe para a Xunta vai ser superior que as «paguitas» dos coidados do entorno familiar.

Podemos ver na hemeroteca o que sucede cando se demanda unha residencia para unha localidade. ¿Cantos anos a levamos pedindo en Ribadeo? ¿Que fixo a Xunta? ¿Canto aporta a Xunta á residencia de Ribadeo? Si precisas unha praza nunha residencia, os servizos sociais poden chegar a mandarte de Ribadeo a Chantada. E eu, pregúntome, ¿a persoa maior está mellor a 150 quilómetros da súa familia ou está mellor na súa casa onde está rodeada da súa familia e coidada con cariño?

Eu creo que os políticos que fan as leis da dependencia e logo as modifican entenden pouco de cariño, de familia... Miña nai ten alzheimer e está atendida «na súa casa» por miña irmá, que deixou de traballar para poder atendela coa axuda da Lei da Dependencia. Faino dende o ano 2010, que a Xunta lle mandou o PIA. Empezou cobrando sobre 500 euros e a Xunta pagaba a seguridade social de miña irmá. Logo, pagáronlle 400 euros e sacáronlle a seguridade social ao coidador, e agora dinlle que como a súa capacidade económica é de 800 euros (segundo eles, ten moito poder adquisitivo) a axuda por dependente só vai ser de 256 euros e sen seguridade social.

Gostariame que a señora conselleira e demais políticos cobraran 800 euros, pois eles só nunha comilona desas que fan xa os gastan. Por último, unha recomendación aos políticos que nos gobernan en Galicia. Miren vostedes polas persoas sen recursos que o están pasando mal mentres vostedes a final de mes cobran bos soldos.