As bicicletas en Foz

SUSO FERNÁNDEZ, CRONISTA OFICIAL DE FOZ

A MARIÑA

A práctica do ciclismo ten o fundamento no gran invento da humanidade: a roda. Conta a lenda que un mandarín chinés quedou fascinado pola velocidade coa que o vento facía rodar polo camiño a corola dunha flor, e tivo entón a feliz intuición que o levou a inventar a roda. Trátase, sen embargo, só dunha lenda porque a roda, non é unha invención chinesa. Tódolos estudosos consideran que naceu en Mesopotamia, grazas ós sumerios, varios milenios antes de Cristo, estendéndose polo mundo antigo. A súa primeira aplicación non foi nos vehículos, senón na elaboración da arxila, no torno do alfareiro.

Quizabes o máis auténtico antecesor da bicicleta sexa o celerífero, inventado en 1790 por De Sivrac. Constaba de dúas rodas de madeira unidas por unha barra, sobre a que se cabalgaba, e facíase avanzar mediante o simple impulso dos pés sobre o chán.

En 1885 conseguiuse un gran adianto cando Pierre Selemont tivo a idea de engadir uns pedais á roda dianteira, o que determiñou a aparición do biciclo de rodas desiguais, sendo esaxeradamente maior a dianteira na que se apoiaban ditos pedais. O invento foi experimentando novas melloras e no ano 1867 trócanse as rodas de madeira polas metálicas. Dez anos máis tarde a bicicleta adoptou finalmente a forma definitiva actual. O perfeccionamento continuou, co fin primordial de facela mais lixeira e manexable. Foi no último tercio do século XIX cando o ciclismo comezou a cobrar arraigo como deporte, organizándose en Francia, en 1881, os primeiros campionatos de velocidade.

A competición foi, sen dúbida, nos albores deste deporte, a primeira proba á que se someteu o afeccionado, impulsado por ese reto do home a superar as propias marcas e a vaidade de facer constar a súa superioridade ante o conxénere ó vencelo no desafío. E aínda segue sendo hoxe, a faceta que esperta maior interese; o espectáculo que acadou cotas insospeitadas ó introducirse no seu mundo o marketing coa incidencia do mesmo nos mais diversos e sofisticados medios de comunicación. Pero afastada de todo concepto competitivo, a práctica ciclista ofrece moitos outros aspectos que a converten en hábito merecente de cultivarse e de ser socialmente promocionado.

Xunto á camiñada e a natación, montar en bicicleta é unha das formas máis recomendables de mellorar a capacidade aeróbica; un tipo de exercicios que son os mais beneficiosos para a saúde, a parte outras consideracións, tamén de grande interese. Pero, como a maioría das actividades deportivas, a infancia é a mellor época para iniciarse nelas, pois o que escomeza sendo un simple xogo, tan do agrado dos cativos, convértese en moitos casos nunha auténtica afección cuxa práctica, tan útil, non abandonarán cando menos en anos da adolescencia e xuventude.

Ocorre, sen embargo, que os rapaces, para desarrollala, precisan de espazos adecuados, amplos, nos que poidan circular sen riscos, sen a interferencia doutras máquinas, e sen causar molestias ás demais persoas, lugares dos que en Foz se carece.

Poucos minixardíns

Os poucos minixardíns cos que contamos ? ningún pode catalogarse de parque, termo que denota outras dimensións ? nin existe tampouco lugar algún que reúna as mínimas condicións; carencia que acusan non só os indíxenas, senón tamén as numerosas familias que durante os veráns, cos seus rapaces, acuden á nosa vila. A súa falta denota unha ausencia de previsión porque se, por exemplo, o paseo marítimo que leva de Llas a Peizás, traxecto que polas características do chán nos parece o mais idóneo, se houbese dotado dun carril para bicicletas, como dicta o sentido común, e como existen en espacios semellantes, en localidades ben preto da nosa, houbera obviado en boa medida tal carencia; feito, por outra parte, compatible con outras iniciativas desta índole que puidesen xurdir noutros emprazamentos.

Naturalmente estase a tempo de correxir tal deficencia; pero hai que empezar por recoñecer que, hoxe por hoxe, a situación é a que é. Non facelo asi equivale a dala por boa; é decir, a enganarnos a nós mesmos, situación que en calquera caso, cando se produce, significa sempre un lamentable erro.